ESTEFANÍA GONZÁLEZ | De quen vés sendo? | Domingo 20 marzo 2016 | 11:03
Sempre me considerei unha persoa cunha moi baixa tolerancia ás inxustizas, alguén que non se deixa pisar e que defende o seu. Pero de repente me miro, e vexo que levo anos tolerando unha situación intolerable (algo que parece que me está pasando a min e ao resto de compañeiros).
Normalicei, e ata me acostumei, a traballar sen cobrar, a que a xunta nos ingrese cando teña a ben, dando por suposto (entendo eu) que as nosas vidas se manteñen do aire, que as nosas hipotecas se pagan con boas intencións, e que nos alimentamos con paciencia e resignación.
Aquí en Asfedro aprendemos a tolerar que nos desprecen, que nos esixan rebaixarnos os salarios (aínda máis), que as administracións nos leven ata a asfixia e no último momento, cando xa estamos a piques de tirar a toalla, saían nun acto público como salvadores da patria.
Aprendemos todo iso vindo a traballar cada día con ánimo e humor. Pero xa non, xa non quero acostumarme a que se menosprece e non se valore o noso traballo, a dificultade que leva consigo, o esforzo que facemos para vir a traballar mantendo os ánimos , e procurando darlle o mellor servizo a cada un dos usuarios e usuarias.
Traballo en Asfedro, sei da necesidade do servizo, e sinto esta entidade como propia. Non consinto que a Xunta e a Consellería de Sanidade nos sigan insultando. Facemos un traballo, un traballo importante para os veciños de Ferrolterra, e merecemos cobrar por el.
Esixo ás administracións un cambio razoable e xusto na Lei de subvencións, ou a lo menos que se comprometan a firmar os convenios e facer os pagos dos adiantos e xustificacións das mesmas en tempo. Só así estará garantida a supervivencia das entidades como a nosa.
O noso traballo ten moito valor, pero tamén ten un prezo.
Estefanía González García
Veciña do barrio de Caranza dende 1978
Auxiliar administrativo en Asfedro dende 2009
Traballadora que nunca sabe cando vai a cobrar dende o 2011
Debate sobre el post