FERROL360 | Luns 17 marzo 2014 | 18:46
O prazo para inscribirse ao programa Desconexión, que terá lugar este sábado en Cariño, está a piques de rematar. Ata este martes poderán anotarse aquelas mulleres que desexen gozar dunha xornada en feminino construtiva e amena onde aprenderán a enriquecer a fortaleza individual e a propia autoestima.
A actividade, levada a cabo entre a Asociación pola Igualdade e a Coeducación (Apico) en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade e o Concello de Cariño, abordará as claves para acadar unha sociedade máis igualitaria entre homes e mulleres. Vaise desenvolver na Casa da Cultura dende as dez da mañá ata o mediodía e haberá a opción de facer unha comida conxunta para continuar coa sesión ata as seis da tarde.
Esta iniciativa, que percorre numerosos concellos galegos, tenta explicar a través dunha perspectiva lúdica as temáticas fundamentais para consolidar unha educación en igualdade, informando acerca da problemática da violencia de xénero.
As interesadas poderán anotarse acudindo ao departamento de Educación Familiar do Concello de Cariño -en horario de 10:00 a 14:00 horas-, escribindo un correo electrónico a educacionfamiliar@concellodecarino.com ou chamando ao teléfono 981 40 50 64.
Á sesión, que é de balde, poden acudir tamén os nenos e nenas de entre 6 a 12 anos.
