FERROL360 | Venres 5 agosto 2016 | 11:17
Todo listo en Cariño para celebrar por todo o alto a XV edición da Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada. A praza Roxa acollerá este sábado, a partir das 13:30 horas, unha das festas de exaltación gastronómica máis importantes da comarca.
Unha xornada na que todo o protagonismo recae nun produto exclusivamente cariñés, a sardiña lañada. A receita de elaboración gárdase con celo por parte das familias de peixeiras, que prepararán para esta cita caldeirada de raia e sardiñas lañadas, que se poderán acompañar con diversos viños galegos.
A venda de tickets comezará a partir das 12:00 horas na propia praza e a caldeirada terá un prezo de 7 euros e as sardinas lañadas de 5. Ademais da degustación a festa compónse dun completo programa para todas as idades.
Así, de 11:00 a 13:30 horas terá lugar unha festa Infantil no parque do Concello. Ás 13:00 horas terá lugar un pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo e media hora máis tarde comezaranse a servir os produtos. A animación musical correrá a cargo de Trío Ambrossía, ás 16:00 horas, e de Pablo Balseiro, ás 19:30 horas.
Dende o Concello de Cariño agradecen a colaboración da Asociación de Amas de Casa de Cariño, Asociación Amigos de San Xiao do Trebo e Agrupación Folclórica San Xiao do Trebo.
Debate sobre el post