FERROL360 | Mércores 9 marzo 2016 | 10:29
O Concello de Cedeira buscará unha opinión autorizada antes de dar a súa conformidade ás actuacións plantexadas pola Demarcación de Costas para repoñer a area que o mar arrastrou durante o inverno no areal da Magdalena.
O uso da area da praia ou das dunas para renovar os áridos levados polo mar é unha solución que o goberno local non contempla, polo menos, non sen antes coñecer as súas posibles consecuencias medio ambientais. Unha decisión que levará aos responsables municipais a reunirse nos próximos días cun profesional da Bioloxía para estudar sobre o terreo o posible impacto da intervención.
O rexedor, Pablo Moreda Gil, considera que é a maneira máis lóxica de actuar para evitar efectos negativos nunha importante zona de costa como é o areal da Madalena. O que si que levará a cabo Costas, e de maneira case inmediata, son unhas serie de melloras no entorno da praia, unhas actuacións que o alcalde trasladou ao responsable do organismo, Rafael Eimil, durante a visita que este realizou este martes á zona.
Así, a Demarcación de Costas canalizará e construirá un muro de contención no regato denominado de San Isidro, un cauce de auga doce que se introduce no mar despois de cruzar o areal. Este accidente natural en breve tamén poderá cruzarse mediante a realización dunha senda peonil, agora tamén prevista polo organismo estatal.
A limpeza dos accesos e a reposición do muro que rodea o areal son outras das intervencións que o responsable da Demarcación se comprometeu a levar a cabo de forma case inmediata, aprazando para máis adiante o asunto da reposición da area, á espera da decisión que adopte o Concello.
Costas tamén entende que é necesario acometer algúns traballos de contención no taludo construído o ano pasado para evitar os efectos dos temporais do inverno na fachada marítima, á altura da praia.
Debate sobre el post