FERROL360 | Venres 12 agosto 2016 | 9:10
Ás 20:00 horas deste venres os cedeireses Manuel García Iglesias, tripulante do Helimer Galicia, e Daniel Rey Piñón, tripulante do Pesca II, darán lectura ao pregón das festas da Patrona para iniciar así seis días de festa rachada. Será desde o balcón da Casa Consistorial.
As festas empezan forte este ano na vila coas actuacións do grupo Black Rose e a banda de rock Five String Band. A praza do Peixe acollerá os concertos que darán comezo ás 20:00 e 00:00 horas, respectivamente.
Xa o sábado no areal da Madalena haberá ‘Xogos Populares’ para nenos nados no ano 2000 e anteriores. A cita, que dará comezo ás 17:30 horas, consistirá en diferentes xogos como cucañas verticais, carreiras de sacos, colle a bandeira, carreira de ovo e culler, xogo do pano e tirada de corda.
A excepción deste último, para o que será necesario reunir a cinco persoas, o mínimo é de tres. Nalgunhas das probas se permiten equipos mixtos. A inscrición pódese levar a cabo ata unha hora antes do inicio das probas na mesma praia.
O Concello de Cedeira ten previsto repartir 900 euros entre os rapaces mellor clasificados.