FERROL360 | Mércores 25 setembro 2019 | 10:05
O Golfo Ártabro Norte será percorrido pola mirada de máis de oitenta escolares que se suman ó programa de formación audiovisual promovido polo Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro: Vidas Mariñeiras. O programa arrancará o próximo 30 de setembro, adiantándose unha semana ó calendario previsto.
A iniciativa chegará este ano a cinco centros educativos de Pontedeume, Ares, Mugardos, Narón e Ferrol. Son: o CPI As Mirandas de Ares, que participa por segunda vez, e máis o IES Breamo de Pontedeume, que estivo en todas as edicións. Para o resto dos centros será a súa primeira experiencia con Vidas Mariñeiras: IES Mugardos, IES Ferrol Vello e IES Terra de Trasancos, de Narón.
A idade dos escolares participantes vai dende os once ata os dezasete anos, coa implicación de profesorado de disciplinas como música, debuxo, historia e lingua galega. A formación arrancará o vindeiro luns no IES Ferrol Vello e desenvolverase durante o mes de outubro, tempo no que se preparará un guión e plan de rodaxe.
No mes de novembro rodaranse as pezas e a súa estrea está prevista para decembro de 2019 nun evento que pretende ser unha xornada de convivencia e celebración do mundo do mar. Ademais da realización das curtametraxes, Vidas Mariñeiras tamén fará unha recollida de fotografías antigas na que se invitará a participar ó resto de centros educativos da zona.
O obxectivo é crear un arquivo e unha exposición itinerante que difunda a memoria histórica do sector pesqueiro do Golfo Ártabro Norte.












Debate sobre el post