FERROL360 | Sábado 10 novembro 2018 | 12:02
O ciclo Tempo para o Teatro chega esta semana a súa cuarta función coa representación da obra As cores do tempo, a cargo de Teatro da Vila, un grupo de actores non profesionais da vila de Cedeira. Será este sábado, na Casa da cultura, a partir das 20.30 horas. O prezo da entrada é de 2 euros a de adultos e un a infantil.
As cores do tempo é unha obra escrita por Quique Vázquez, na que participan, Mercedes Díaz, Josefa Nebril, Fina Nebril, Belarmino Cheda, Elvíra Díaz, Estrella Leonardo, o mesmo Quique Vázquez e Lourdes Pérez a cargo das luces e o son.
Nunha residencia de maiores crúzanse as vidas de Remedios e o seu fútbol, de Lines, Paco e Maribel Verdú, de Maruxa e a súa rabia, de Carmiña e Manoel, sempre Manoel…, dunha enfermeira e un enfermeiro. Vidas como as de calquera, cheas de amores que foron, son e serán, e dos que non chegaron a ser…; dos soños que non se cumpriron e dos que se transformaron en pesadelos.
Esta programación teatral rematará o día 16 deste mes coa obra As fillas bravas, da compañía Chévere.