Publicidad

Comezan as obras de consolicación e desentullo do Cine Zárate en Mugardos

FERROL360 | Xoves 28 xuño 2018 | 20:04

Este xoves comezaron as obras de consolicación e desentullo do Cine Zárate. Unha actuación executada integramente con fondos municipais cun orzamento de 110.005 euros. A pesares de que o prazo da obra é de catro meses, al alcaldesa Pila Díaz espera que poida estar finalizada xa no vindeiro mes de xullo.

A obra comeza pola demolición dos vellos quioscos situados nun lateral do antigo cine e que non forman parte do conxunto protexido. Eliminaranse estas construcións e tamén dous muros, un que linda co Concello e outro na parte posterior do inmoble, onde vai ser recuperada a Fonte dos Catro Canos, de 1880.

Toda esta zona terá un novo pavimento de granito e no lugar no que están os quioscos executarase un banco corrido a modo de baranda de protección. Para a consolidación do Cine Zárate, a empresa adxudicataria está construíndo nos seus talleres a estrutura metálica que irá colocada por dentro do inmoble e que permitirá manter coa debida seguridade as catro fachadas.

No interior faranse as necesarias zapatas sobre as que se montará o novo esqueleto do edificio.

Xunto coa demolición dos elementos non protexidos, a empresa tamén se ocupará nesta primeira fase das obras de extraer do antigo cine os elementos singulares da construción -como molduras, frisos, ménsulas, etc- que polo seu estado non sexan recuperables, para obtener deles moldes de escayola e garantir a súa futura recuperación.

Durante a actuación, a empresa colocará unhas lonas decoradas nas fachadas principais do inmoble para mellorar o impacto estético e evitar molestias á cidadanía.