FERROL360 | Xoves 27 xuño 2019 | 9:51
Festa rachada por todo o alto este sábado na parroquia de San Xiao de Narón, onde haberá concertos de Luar na Lubre e Encrucillada, xogos para os peques e churrascada e sardiñada. Unha cita organizada polo Padroado da Cultura e a Asociación de Veciños Ceibe de San Xiao, que terá lugar no entorno da pista polideportiva da parroquia.
A xornada festiva comezará ás 19.00 horas con xogos tradicionais e populares nos que poderán participar tanto os nenos e nenas como as persoas maiores. Ás 21.00 haberá unha churrascada e sardiñada populares, a cargo da entidade veciñal de San Xiao.
As racións de churrasco terán un prezo de oito euros para as persoas socias e de 10 euros para aquelas persoas que non sexan da entidade. As sardiñas terán un prezo de 1 euro dúas unidades, con bebida, pan e café.
A continuación comezarán os concertos co grupo de música folk Encrucillada, que interpretará temas do seu primeiro disco: Marbán. A música popular e tradicional cobrarán un espazo propio nesta actuación, a cargo de Antonio López, Óscar e Alberto Maceiras, Javier Rodríguez, Héctor Piñeiro e Sara Guerrero, integrantes deste sexteto de Ferrolterra.
Así mesmo, o grupo galego Luar na Lubre, do que forman parte Bieito Romero, Antía Ameixeiras, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xan Cerqueiro e Xavier Ferreiro, levará tamén a música folk a San Xiao. Interpretarán temas, entre outros, do seu novo traballo discográfico: Ribeira Sacra, con 26 cancións.
O Padroado da Cultura aposta por descentralizar a súa programación nos barrios e parroquias de Narón, un obxectivo no que se enmarcan propostas como a que o sábado terá lugar en San Xiao e á que dende o Concello se anima a asistir ás veciñas e veciños de Narón e doutros municipios.














Debate sobre el post