FERROL360 | Martes 10 mayo 2016 | 19:03
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este martes no Foro Industria 4.0, que reúne no CIS Galicia os últimos avances tecnolóxicos, e defendeu a mellora dos procesos industriais do naval como camiño para consolidar unha competitividade «que Ferrol está a amosar día a día», con éxitos como a adxudicación dos dous BAC australianos.
Para manter esa competitividade, Conde asegurou que «é a hora de dixitalizar os nosos estaleiros, incorporando tecnoloxías como a fabricación aditiva, a robotización, o internet das cousas, os novos sensores, ou o Big Data».
Ese Naval 4.0 supón un reto de modernización que deben afrontar por igual os grandes estaleiros e a industria auxiliar, mellorando os procesos de fabricación para gañar eficiencia, garantindo así a capacidade para competir por novos contratos nos mercados internacionais, segundo indicou o conselleiro.
Conde salientou que nese camiño a Xunta seguirá a acompañar a Ferrol para garantir que permaneza á vangarda do sector, a través de iniciativas como a Unidade Mixta de Investigación da Xunta na que traballan Navantia e a UDC e que axudará a definir os procesos construtivos do estaleiro público a medio prazo.
Tamén referiuse ao convenio Naval 4.0, posto en marcha polo Goberno galego con axentes como Aclunaga e Aimen, grazas ao que se están a desenvolver proxectos de vangarda no CIS Galicia, en eidos como a robótica e a virtualización. «Con ese esforzo conxunto, que se ampliará no futuro, Ferrol e Galicia estarán na locomotora europea do Naval 4.0», afirmou Conde.
Captación de investimentos
De cara a futuro, a Xunta buscará captar investimentos de gran calado no eido da Industria 4.0, a través da Iniciativa Captación de Investimentos 4.0. Trátase dunha ferramenta para captar grandes investimentos, incentivándoos cun apoio da Xunta ligado a que estas grandes compañías contraten con empresas galegas e innoven en Galicia.
A Xunta busca así apoiar grandes proxectos sobre a fábrica intelixente e as tecnoloxías que a rodean, con orzamentos superiores aos 50 millóns de euros e apoios públicos de ata o 40 % do investimento.
As compañías interesadas, lembrou Conde, deberán realizar a industrialización e a comercialización de resultados en Galicia, terán que comprometerse a subcontratar centros de coñecemento da Comunidade, e deberán explotar os resultados do proxecto en Galicia.












Debate sobre el post