FERROL360 | Mércores 2 outubro 2013 | 18:27
Esta mesma tarde, Compromiso por Galicia en Ferrolterra (CxG), fixo balance dos Orzamentos Xerais do Estado e dos datos de desemprego na comarca de Ferrolterra.
Dende CxG, lamentan que os orzamentos sexan «unha nova oportunidade perdida para Ferrol e comarcas» tendo en conta «os demoledores datos de desemprego».
Para os galeguistas, cos datos do paro do mes de setembro na man -19.802 desempregados-, non se explican como os orzamentos non están «encamiñados a pór freo a esta dramática situación».
Demandan unha aposta clara pola creación de emprego, que recolla carga de traballo para Navantia e un plan integral de infraestruturas ferroviarias, que leve o tren ao porto exterior e mellore a conexión de Ferrol con outras cidades galegas.
CxG propón que a Administración financie parte da peaxe dos usuarios da AP-9, xa que para eles «é lesiva para as rendas máis baixas, e especialmente prexudicial para emprendedores, empresarios e o sector do turismo». Con todo, dende a plataforma galeguista, entenden que os Orzamentos do Estado «deberían ter en conta a situación de excepcionalidade da nosa comarca».
O coordinador comarcal de Compromiso por Galicia, Álvaro Montes, lamenta «que os Orzamentos do Estado non teñan en conta o principal problema desta comarca que é o desemprego» e denuncia que o Partido Popular ten un compromiso «nulo» coa recuperación industrial da comarca. Montes tamén destaca que o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, calificara de «suficiente» a cantidade de 50.000 euros para o tren a Caneliñas, unha cantidade que o galeguista califica de «ridícula».
O coordinador da formación aseverou que o PP de Ferrol inviste máis cartos na reurbanización da Praza de España que nos accesos ao porto exterior e acusa a Rey Varela de «dar as costas ás necesidades reais dunha cidade que xa vai no 34% de desemprego».
Debate sobre el post