ASOCIACIÓNS DE PACIENTES ONCOHEMATOLÓXICOS| De quen vés sendo? | Luns 19 outubro 2015 | 8:40
Un ano máis o mes de outubro vístese de rosa para celebrar o Día Mundial contra o Cancro de Mama, aínda que «celebrar» non sexa o verbo máis axeitado para expresar o desexo de lembrármonos das mulleres afectadas, e probabelmente a rosa —cor asociada á felicidade e á inocencia— non sexa tampouco a que mellor representa o drama de padecer un cancro que afecta en España a case 22.000 novas mulleres cada ano e por causa do cal morren prematuramente 6.000 enfermas, cada vez a idades máis novas.
Neste mes en que se demanda a solidariedade cidadá a través de xestos simbólicos e estratexias de marketing empresarial para incrementar as vendas de cosméticos e produtos de hixiene feminina, as asociacións de pacientes oncohematolóxicos ADICAM, AUSO-CHUS, PUNTO e SEGUIDO, POR + VIDA e ASOTRAME demandamos un maior compromiso da Administración Sanitaria na loita contra esta enfermidade. Pois, se ben é certo que cada vez hai tratamentos máis efectivos, tamén o é que cada vez hai máis trabas administrativas para que estes tratamentos cheguen ás enfermas.
Desde que a Axencia Europea do Medicamento autoriza un novo fármaco ata que este fármaco chega ás pacientes españolas e galegas, poden pasar tres anos. Moito máis dos 80 días recomendados pola Unión Europea, e moito máis dos 128 días da media europea. Un tempo precioso no que se perden moitas vidas, tal como confirma un estudo presentado na Conferencia Mundial de Cáncer de Pulmón, celebrada hai unhas semanas en Chicago (EEUU).
Sabemos tamén que, como xa denunciaron a Sociedade Española de Oncoloxía Médica e o Grupo Español de Pacientes con Cancro, a sorte das mulleres afectadas depende do código postal, pois cada Comunidade Autónoma dispón dunha axencia reguladora coas súas propias restricións.
As AAPP arriba mencionadas desexamos aproveitar esta ocasión para facer visibles estes problemas que non adoitan saír nos medios de comunicación. Para que a sociedade tome conciencia de que en 2016, 22.000 novas mulleres —fillas, nais e parellas de alguén— estarán sufrindo esta mesma situación.
E que 6.000 delas morrerán prematuramente, en moitos casos sen poderse beneficiar das novas terapias, porque os responsables políticos que elixiron para velar polos seus intereses como cidadás reteñen nalgún caixón dalgún despacho a autorización que podería salvarlles ou prolongarlles a vida.
Debate sobre el post