ARY LÓPEZ | San Sadurniño | Mércores 9 abril 2014 | 17:18
A exactamente un mes de ter lugar o Día Internacional das Aves, San Sadurniño quixo celebrar esta data cun simbólico acto de posta en liberdade dunhas aves moi especiais.
O Concello, en colaboración co CPI, organizou unha xornada para ceibar dous pitos de curuxa que apareceran hai nove meses no edificio anexo ao Pazo da Marquesa durante as obras de rehabilitación.
Técnicos do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre (CRFS) de Oleiros encargáronse de reintroducir no seu espazo natural a esta parella de rapaces nocturnas logo de estaren preto dun ano nas súas instalacións. Acudiron novamente á contorna onde no mes de xullo a nai destes polos fuxiu, seguramente polo susto das obras no edificio.
O motivo de adiantar a solta a un mes do día oficial das aves foi que os profesionais que as custodiaron durante os últimos meses consideraron óptimo non demorar máis a súa posta en liberdade.
A actividade enfocouse cara os máis pequenos. Alumnado de Educación Infantil e 1º da ESO asistiu a un espectáculo que, de seguro, nunca antes tiveran a ocasión de presenciar. Os máis cativos tiñan moitas preguntas no peto mentres o capataz do CRFS, Vicente Damil, explicaba as características máis destacadas destes fermosos animais e o proceso de rehabilitación ao que foron sometidos: «Se un animal está enfermo, haino que levar ó hospital. Aínda que estas dúas aves estaban sas cando se produciron as obras neste edificio, houbo que rescatalas para que puideran sobrevivir». Segundo relatou o técnico, as curuxas «adoitan vivir en espazos derruídos e aliméntanse de pequenos roedores que cazan, fundamentalmente pola noite. Son capaces de ver moito mellor ca nós e teñen un ouvido moi desenvolvido».

A primeira das aves iniciou o voo con firmeza e rapidamente buscou un refuxio idóneo en liberdade, pero a segunda tivo peor sorte e, despois de pasar tanto tempo na caixa antes da súa solta, custoulle botarse a voar, polo que o técnico tivo que axudala un par de veces. «Durante o día tampouco é o mellor momento para soltalas e é moi fácil que se desorienten», explicou Damil. Con todo, agardan que nas próximas horas, cando comece a apagarse a luz do sol, sexan quen de atopar un espazo tranquilo e axeitado ás súas necesidades. Dende o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre tampouco descartan a posibilidade de que volvan aniñar nos altos do edificio anexo, aínda que deberían ter «polo menos unhas táboas» baixo as que poder agocharse durante o día.
Despois das soltas, o capataz do CRFS ofreceu aos estudantes de 1º da ESO unha sesión informativa sobre o labor que desenvolven no seu centro de Oleiros. En Galicia, cada provincia conta cun centro deste tipo, onde se encargan de recuperar todos aqueles animais salvaxes que poidan presentar algunha deficiencia ou problemática que lles impida levar unha vida con normalidade. Despois dun período de rehabilitación, vólvenos ao seu lugar de orixe. Só no organismo de Oleiros atenden uns 700 animais ao longo do ano e un 80 % son aves, xa que, segundo Vicente Damil, «é máis fácil ver se están enfermas ou feridas».
A época na que máis entradas de especies rexistran é durante a primavera e o verán, aínda que este ano, por mor dos fortes temporais do inverno, tamén houbo moitas aves mariñas que acabaron rehabilitándose no CRFS coruñés.
O colectivo ofrece unha completa atención veterinaria ata que recompoñen o estado de saúde dos seus pacientes animais. O seguinte paso é reintroducilos no seu hábitat de orixe e continuar coa investigación doutras especies. «Non podemos encariñarnos demasiado con eles», di Damil, porque saben que pronto volverán ao seu fogar.