FERROL360 | Viernes 9 febrero 2018 | 14:26
Todo a punto nas Pontes para celebrar este domingo a XXXVIII edición da Feira do Grelo. Unha cita que inclúe concurso de cestas de grelos, actuacións musicais, degustación popular, exposicións, mercado e mostras.
O mercado municipal abrirá as súas portas ás 08:00 horas para proceder á numeración das cestas participantes no concurso de grelos. As cestas permanecerán expostas de 10:00 a 11:00 horas, momento no que o xurado seleccionará ás gañadoras, que serán retiradas. A partir de aí, todas as demais se porán á venda.
Xa ás 12:30 horas o patio do colexio Santa María acollerá a entrega de premios das tres categorías do concurso: calidade do grelo, cestas mellor adornadas e o galardón especial Alexandre Pérez Sindín.
O gañador á calidade do grelo recibirá 300 euros, o segundo 250 e o terceiro 200 euros, ademais haberá tres accésits de 60 euros cada un. Na categoría de cestas mellor adornadas tamén haberá tamén tres premios. 300 euros ao gañador, 200 ao segundo e 100 euros para o terceiro clasificado.
A concelleira de Cultura, Sonia Sueiro, salienta que «a feira está enfocada ao mundo rural, é unha festa moi de raíz, de tradición e iso tamén se deixa notar na música que eliximos para os concertos». Sueiro sinala que «esperamos que este ano moita xente se anime a participar no concurso de cestas e tamén que moitos se animen a mercar porque hai máis cantidade, non como noutras edición».
A continuación, chegará o momento da papanda con degustación popular con sopa de cocido, cocido con grelos, costela, lacón, chourizo, garbanzos e patacas. Para a sobremesa, nada mellor que requeixo da Faeira con mel de Goente. Será na carpa instalada no patio do colexio. Cada menú terá un prezo de 15 euros e se servirá ata ás 15:00 horas. Tamén haberá racións para levar. «Este ano temos previsto facer 400 racións», indica Sueiras.
Exposición, música e actividades
A programación compleméntase cunha exposición de madera torneada e talla en madeira en vivo por parte da Asociación Amigos da Madeira e haberá exposición ARTPO de flores e natureza. Serán no Mercado Vello. Tamén haberá na rúa Alexandre Bóveda zona de Food Trucks.
Como non podía ser doutro xeito, a música non faltará nesta feira e haberá animación na rúa durante toda a xornada a cargo dos grupos No Combaro e Os Trevillas. A maiores, Tanxugueiras ofrecerá un concerto ás 12:30 horas na carpa da praza de América e tomaralle o relevo Treixadura, ás 18:30 horas, no Cine Alovi. A entrada será gratuíta.
Na carpa instalada na rúa Alexandre Bóveda desenvolverase a mostra de Federación de Razas Autóctonas de Galicia, con can de palleiro, porco celta, galiña de Mos e ovella galega. Tamén haberá unha freixoeira na Avenida da Coruña para satisfacer aos máis lambóns. Venderán freixós a un euros tres unidades.
Programación do sábado
As Pontes xa será unha festa o día previo á celebración da Feira do Grelo. Así, o sábado abrirá as súas portas a Feira itinerante Son de Campo, promovida pola Federación de Mulleres Rurais Fademur, que terá á venda produtos autóctonos de alimentación, agasallos, cosmética, xoiería, etc.
A venda e exposición, que se instalará na praza de América, permanecerá aberta en horario de 11:00 a 20:00 horas o sábado e de 11:00 a 17:00 horas o domingo. A concelleira de Cultura explica que «repetimos esta actividades porque o ano pasado tivo moito éxito».
Tamén na praza terá lugar a II Mostra da Camelia, con exposición de distintas variedades desta flor achegadas por membros da asociación de toda Galicia. Será na rúa Ramón Cabanillas en horario de 12:00 a 20:00 horas o sábado e de 10:30 a 17:00 horas o domingo.
A música tamén terá o seu protagonismo nesta xornada con actuación a cargo de Alfaia, Canavella e Vacaloura Vermella durante todo o día. Ás 17:00 horas haberá actuación de música tradicional galega con Carapaus e ás 19:00 horas quenda para Xosé Lois Romero & Aliboria. Ambos na carpa da praza de América.
A xolda aínda continuará o martes 13 de febreiro coa celebración da Cabalgata de Entroido, que sairá da rúa Monte Caxado ás 17:00 horas e percorrerá as Avenidas de Ortigueira, de Castelao, praza do Hospital, Avenida de Galicia, Rosalía de Castro e patrio do colexio Santa María. A Cabalgata contará cunha charanga e unha batukada que amenizará a celebración.
As inscricións para participar están abertas ata o día 12 de febreiro e repartiranse premios por carrozas, grupos, parellas, individual e infantil por importes desde os 800 ata os 50 euros.
Sueiro salienta que todas as actividades serán baixo carpa e «estamos preparados para a choiva e acondicionada para que todas as persoas que desexen participar poidan gozar da festa».
Debate sobre el post