MARCOS ABALDE | ‘Ferrol Rebelde’ | Venres 1 abril 2016 | 11:48
Na rúa Real 138, o Centro Obreiro de Cultura abriu a maior biblioteca de Ferrol e unha das máis importantes de Galiza. Contaba con máis de 10.000 volumes. Durante a Segunda República converteuse na institución cultural máis importante da cidade.
Os traballadores da construción naval inauguraron o Centro Obreiro de Cultura en 1911. Para alén da biblioteca, desenvolveron diferentes actividades: Certame Científico-Sociolóxico, escolas gratuítas para crianzas orfas, excursións instrutivas, un museo de historia natural, homenaxes a Concepción Arenal… Neste local, Carvalho Calero deu a súa primeira conferencia. Por aquí pasou Castelao, Quintanilla, Matías Usero, Hildegart, Rubia Barcia…
Após o golpe de estado de 1936, os sublevados clausuran e saquean esta magnífica biblioteca. Tamén van saquear a biblioteca da Escola Racionalista ou a excepcional biblioteca de Matías Usero que contaba con máis de 4.000 volumes. Ademais, os fascistas van prenderlles lume a milleiros de libros o domingo 16 de agosto na praza de Armas e ao día seguinte na praza de Amboaxe.
El pueblo gallego (18/8/1936) recolle así a nota do Delegado de orden público:
Deste xeito aparece en El correo gallego (18/8/1936):
Os libros pornográficos e de ideas extremista eran os de Freud, Tolstoi ou Valle Inclán. O local do Centro Obreiro de Cultura vai ser ocupado pola radio de Falange.
Manuel Rivas escribiu unha magnífica novela titulada Os libros arden mal que toma como punto de partida a queima da biblioteca de Santiago Casares Quiroga e a do Centro de Estudos Sociais Xerminal, o colectivo irmán do Centro Obreiro de Cultura.
A fogueira de libros do 19 de agosto de 1936 no porto da Coruña ficou inmortalizada nunha fotografía que pasará á historia da infamia. O fascismo non se avergoñaba destes actos de barbarie, todo o contrario, facía ostentación deles. Procuraban a destrución da cultura republicana, obreira e en lingua galega. Podémolo cualificar como un auténtico epistemicidio.
Hai memoria do moito que lían á porta das súas casas os obreiros de Esteiro e como despois de Franco todo iso se perdeu. Os libros eran sospeitosos. A ditadura quería impor un único mundo obrigatorio, por iso perseguían os libros e tamén as persoas que se rebelaban e ousaban abrir as súas páxinas.
A pesar da persecución, houbo algúns libros que foron agochados e sobreviviron. Conta Xulio Aneiros que, para a súa formación, fora moi importante a biblioteca que lle emprestara a principios dos anos corenta un anarquista, curmán de Xaime Quintanilla.
Os propios aprendices do taller de mecánicos admirábanse do moito que lía Xulio Aneiros e como lles falaba de marxismo, sexualidade ou tribos primitivas. As redes clandestinas de libros foron fundamentais para rearticular o movemento obreiro e forxar unha xeración de heroes proletarios.
*Os roteiros de ‘Ferrol Rebelde’ guiados por Marcos Abalde son os sábados e domingos, ás 11:00 e 17:00 horas. Inscrición previa no teléfono 640 65 13 14.
Debate sobre el post