FERROL360 | Luns 12 setembro 2016 | 00:33
A oferta de actividades deportivas en Fene para o curso 2016-2017 inclúe 11 escolas de natación na piscina municipal de Centieiras, 12 escolas deportivas no pavillón da Xunqueira e 6 noutras instalacións deportivas do Concello, ademais do tradicional obradoiro de Educación física contra a fatiga oncolóxica.
Entre as escolas que se impartirán na piscina municipal de Centieiras neste curso 2016-17 salientan as de natación para bebés, primeira infancia, iniciación e perfeccionamento infantil, xuvenil, de adultos e terceira idade, natación para embarazadas, natación terapéutica -combinada ou non con rehabilitación funcional- e aquagym.
No pavillón A Xunqueira haberá atletismo, pequedeporte -deportes variados-, fútbol sala feminino, iniciación ao baloncesto -infantil e maiores-, ximnasia rítmica, baile moderno, patinaxe, zumba, aerobic, pilates e rehabilitación funcional -que se pode combinar con natación terapéutica-.
Tamén están previstas diferentes escolas deportivas noutras instalacións do Concello de Fene coma o pavillón O Ramo de Barallobre -ximnasia artística e trampolín-, Centro Social de Fene -ioga-, ximnasio da Casa da Cultura -iudo e karate- e piscina de Centieiras -pilates e ioga-.
Periodo de inscricións
A inscrición comezará este martes e prolongarase ata o xoves 22 de setembro nas dependencias administrativas do pavillón municipal A Xunqueira de San Valentín. Así, a matriculación nas escolas de piscina realizarase os días 13 de setembro para residentes en Fene e 14 de setembro para a poboación en xeral.
Para a totalidade das escolas deportivas municipais, as datas establecidas serán o 15, 16 e 19 de setembro para os residentes en Fene e 20, 21 e 22 para a poboación en xeral. O horario de atención ao público no pavillón municipal A Xunqueira será de 8:30 a 14:00 horas todos os días e de 16:00 a 19:00 horas os días 13, 14 e 21 de setembro.
Educación física contra a fatiga oncolóxica
A maiores, a Concellería de Deportes do Concello de Fene volve organizar un ano máis o tradicional obradoiro de Educación física contra a fatiga oncolóxica, que se desenvolverá entre os meses de outubro 2016 e maio 2017, coa posibilidade de continuar no verán.
O Concello de Fene é pioneiro na organización desta actividade, que ten coma obxectivo fundamental tentar reducir a fatiga que acompaña ao cancro e aos seus tratamentos. Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada que tenta axustarse en todos os casos ás características e posibilidades de cada persoa.
O período de inscrición para esta actividade prolongarase dende o 15 ao 22 de setembro, nas dependencias administrativas do pavillón A Xunqueira de San Valentín, nos horarios establecidos para a inscrición na totalidade de escolas deportivas municipais.
Segundo informan dende a Concellería de Deportes, as prazas nas distintas escolas e obradoiros deportivos municipais hanse cubrir por rigorosa orde de inscrición. Ademais, as actividades só se realizarán no caso de cubrirse o 50 % do número de prazas ofertadas.
As Escolas que entren en funcionamento no curso 2016-2017, en base á matriculación rexistrada, faranse públicas no taboleiro do pavillón polideportivo da Xunqueira e na páxina web co Concello de Fene o día 26 de setembro.
A incorporación do alumnado ás escolas e obradoiros deportivos municipais producirase a partir do vindeiro 1 de outubro nos días da semana, horas e locais fixados para cada actividade.