Publicidad

Este Sábado temos «Solpores» da man de Ferror Records en Canido

Pasarán polo Centro Cívico: Carabela, Zavala e Midoriiiii, coa comida a mans de MisComidas

FERROL360 | Lunes 16 de septiembre de 2024 | 11:19

A cuarta data do ciclo Solpores no Centro Cívico de Canido das mans de Ferror Records será o próximo sábado 21 de setembro. Pasarán polo CC Canido Carabela, Zavala e Midoriiiii coa comida da man de MisComidas.

Carabela formouse en 2021 por Ana Moas  na voz; Alba V. Burke nos teclados e sintetizadores; Pablo Agra na guitarra eléctrica, voces e produción; e Pablo Pazos no baixo eléctrico. Tras a súa primeira aparición co single «Catro pesos», a banda de Noia debutou en 2023 con ‘Nó’, un EP de catro temas que ofrece unha nova visión sobre a cada vez máis natural converxencia do pop, electrónica e música tradicional.

No verán de 2024, a banda lanzou un segundo EP, ‘A noite’, con seis temas que continúan posicionando a Carabela entre as filas principais da nova música galega máis atrevida, con ollos postos en referentes como Mercedes Peón, Néboa, Slowdive, Radiohead ou Billie Eilish.

Zavala nace co xerme de facer unha música máis de raíz, máis tradicional, pero os primeiros temas xa evolucionan cun marcado acento electrónico e agora mesmo sintetizan nunha mestura entre o orgánico e o electrónico. «Queríamos un nome de lugar físico, ao modo de tantos outros: Texas, Dover, London, Boston, Kansas», contan na banda.

Zabala foi o nome elixido da banda pero «por problemas legais tivemos que cambiar a Zavala con V, que nos gusta máis coma a nosa pequena homenaxe a La Vacazul de Jairo Zavala (Depedro)», así se presenta a formación ferrolana Zavala. Un sopro de aire fresco na escena galega, que conxuga tradición, vangarda, modernidade, e todo isto en feminino.

Midoriiiii
Midoriiiii, con aínda unha curta traxectoria como DJ, inspírase na diversidade musical e na súa paixón pola música en todas as súas formas. O seu enfoque combina unha variedade de xéneros, difíciles de cualificar. Ademais da súa faceta como DJ, tamén é unha das responsables da creación do evento anual Jelly e parte do grupo EQX.

Unha cuarta edición que conta co apoio do Concello de Ferrol e a Asociación Veciñal de Canido, que ten data de remate o próximo 12 de outubro. Como sempre a entrada é gratuita, xa que a intención e dar a coñecer propostas que conxugen vangarda e atrevemento, para presentalas nun formato pequeno e ben coidado.