FERROL360 | Mércores 2 xullo 2014 | 18:40
O Concello de Cedeira abre este xoves o prazo para anotarse nas bolsas de traballo para a contratación de dous auxiliares de policía, catro peóns e un xefe de brigada contraincendios. As solicitudes deberán presentarse a partir do xoves no Rexistro Xeral e, a partires de aí, hai oito días naturais de prazo.
A convocatoria e bases reguladoras das listas publicábanse este mércores no Boletín Oficial da Provincia, dando luz verde á súa creación. Así, as prazas de peón, peón conductor e xefe de brigada se financiarán con cargo ao convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar en materia de vixilancia, prevención e defensa contra os incendios forestais.
A provisión das prazas realizarase por concurso-oposición e levará parella a realización de probas teóricas e mais físicas. As persoas seleccionadas deberán, en todo caso, superar un curso de formación teórico-práctico de 16 horas impartido por persoal competente na materia. A duración dos contratos será de tres meses.
No caso das dúas prazas de auxiliar da Policía Local, o Concello financiará a súa contratación con cargo á achega do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia e os axentes encargaranse de tarefas de vixilancia e supervisión de carácter medioambiental, prestando os seus servizos na administración local durante os meses de verán.
Unha vez remate o prazo de presentación de solicitudes, a administración local publicará unha listaxe cos admitidos e excluídos, abrirase un periodo de alegacións e, a partir de aí, realizarase o proceso selectivo. Por último, dende o Concello se informa de que as bases están a disposición dos interesados no taboleiro de anuncios da casa consistorial e mais na páxina web do Concello, así como no propio BOP.
Debate sobre el post