FERROL360 | Domingo 26 xullo 2015 | 19:18
O proxecto Fálame de San Sadurniño competirá en Suíza nos premios ACTing, sobre envellecemento activo e inclusión dixital. Será no mes de setembro cando a responsable da Aula CeMIT, lugar onde se desenvolveu a iniciativa, e unha das persoas maiores que colaboran no proxecto viaxen a Xenebra para asistir á final, que se decidirá entre oito candidaturas.
Fálame de San Sadurniño é un dos dous representantes de España a este galardón no que participan entidades de España, Italia, Rumanía e Suíza. A iniciativa ACTIng busca crear unha metodoloxía pedagóxica dirixida a axentes sociais que traballen nas áreas do envellecemento activo e a inclusión dixital.
O xurado encargado de elixir os dous proxectos que representarán a España en Suíza cualificou a iniciativa como «un proxecto sinxelo, único e orixinal» construído entorno a catro eixes centrais: que as fotos falen, que o pasado e o presente se fusionen, o protagonismo dos usuarios e a mestura de formatos, debullando o concepto de continuidade histórica das comunidades rurais.
Para os membros do xurado, «esta percepción sincrónica do tempo ten un gran potencial para as comunidades locais, e moi especialmente no medio rural». Xa que «a suma de imaxes e audios dos participantes e de historias aparentemente sen conexión consegue crear a idea dunha comunidade que transmite a súa identidade, que fala», conclúen.
Debate sobre el post