FERROL360 | Venres 27 setembro 2013 | 18:05
Alberto Núñez Feijoo asegurou este venres que sinte «unha ansiedade compartida» co Goberno central en torno ao «mes concreto» no que comezará a construción dos floteis para Pemex en estaleiros galegos. Tralo Consello da Xunta, declarou que carece de motivos para cuestionar o vínculo da petroleira mexicana con Navantia e Barreras.
Así, Feijoo dixo que o presidente de México reforzou esas promesas no seu propio despacho e no Pazo da Moncloa. Xustificou o retraso na adxudicación polas «dificultades» derivadas das recentes reformas educativa e enerxética acometidas no país azteca, que provocaron unha importante tensión social.
O mandatario galego tilda de «comprensible» esa ansiedade e remarcou que «se tivera algunha información de que se incumpre ese compromiso, por suposto que a miña obriga sería trasladala de xeito inmediato, cousa que faría, pero de momento non a hai».
Ferrol
Preguntado polo contrato asinado esta semana entre Navantia e a navieira F. Tapias Galicia, falou dunha «boa noticia», aínda que asumiu que é «modesta». Citou o feito de que teña que ver cun barco «que ten contratado Pemex».
Observou que «ese armador trasladou, en privado comigo e despois en público, que hai posibilidades de contratar máis barcos similares con Pemex e, no suposto de que sexa así, a súa intención é facelos en Navantia Ferrol».
Debate sobre el post