REBECA COLLADO | Ferrol | Venres 23 xullo 2015 | 13:30
Este venres cúmprense dous anos do accidente do Alvia e Barallobre renderá por primeira vez unha homenaxe ás vítimas desta traxedia, lembrando que nesta parroquia o accidente tocou moi de preto. E é que non podemos esquecer que nese tren viaxaban tres veciñas de Barallobre, unha nena a súa nai faleceron e outra rapaza sufriu feridas de consideración.
O Colectivo veciñal a Ribeira de Barallobre entendeu que xa «era hora» de celebrar esta homenaxe que «está máis que xustificada» e por iso propuxo ao goberno de Fene levar a cabo un acto de lembranza ás vítimas e familiares, explícanos Xosé Manuel San Xoán, un dos representantes do colectivo.
O grupo de goberno acolleu de bo agrado a proposta e o primeiro que fixeron foi poñerse en contacto coas familias das vítimas para coñecer a súa opinión sobre a celebración do acto, indica Xosé Manuel. A resposta neste caso tamén foi boa e de feito, según relata Xosé Manuel, o agradecemento das vitimas foi maiúsculo porque «estaban a ver un pouco de recoñecemento».
Xosé Manuel explica que no seu momento «houbo críticas porque non se fixera ningún acto» de lembraza ás vítimas e este asunto «causou malestar nunha parte da sociedade de Fene». Ante esta situación, o colectivo decidiu presentar a idea ao Concello «para tratar de reparar ás familias e darlle unha homenaxe de recoñecemento».
O acto será este venres na estación do tren de Barallobre, ás 20:15 horas. Realizarán unha ofrenda floral, un minuto de silencio e haberá tamén intervencións por parte do Concello e das familias, se así o queren. Desde o colectivo e o Concello fan un chamamento á veciñanza de toda a comarca «a que vaian a darlle abrigo ás vítimas e ás familias».
Debate sobre el post