ARY LÓPEZ | Ferrol | Xoves 21 abril 2016 | 13:12
Louvar a figura dun prolífico escritor ferrolán, estudar a súa obra, revalorizar a súa figura e facela revivir en pleno século XXI. Rememorar o seu legado cultural, dotarlle forza á súa voz apagada hai un cuarto de século e procurar a súa candidatura no Día das Letras Galegas, son algúns dos principais obxectivos que levaron a Antón Rodríguez (Ferrol, 1991) a filmar Vieiros de Esperanza, un documental dedicado ao intelectual Ricardo Carvalho Calero.
Trátase dunha peza biográfica duns corenta minutos de duración que percorre diferentes etapas vitais do autor ferrolán. Contén achegas de numerosas persoas que tiveron contacto con el ou estudaron a súa traxectoria profesional. Darío Villanueva, Xesús Alonso Montero, Víctor Freixanes, Araceli Herrero, Francisco Rodríguez, Xosé María Dobarro Paz, José Martinho Santalha, Siro López ou Pilar García Negro contribúen a dar a coñecer e espallar unha parte da vida deste importante creador.
A obra chega en primicia este venres á cidade natal do escritor, que é tamén a do propio director, un rapaz que aínda non nacera cando faleceu Carvalho Calero. Con todo, o seu enorme interese por el, levouno a investigar e centrar o seu Proxecto de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual na figura do profesor, convertendo en realidade este documental.
«Como ferrolán e galeguista decanteime por Carvalho pola súa controversia no seo da cultura oficial galega, motivada pola opción ortográfica que defendeu, o reintegracionismo», declara Rodríguez. «El vía a lingua galega como unha lingua universal. Defendía que o galego e o portugués son o mesmo idioma con diferentes variantes nos diversos territorios lusófonos. Por este motivo foi silenciado e apartado dos órganos oficiais, aínda que en parte tamén soubo como afastarse», agrega.
Con este documental, o seu autor quere «intentar chegar a toda a cidadanía galega, difundir as palabras e o seu pensamento, axudando a comprendelo e animando a que máis xente nova se achegue a este autor e apoie novos proxectos sobre el ou outras figuras no eido da cultura galega».
Xunto aos seus compañeiros de proxecto –Javier Gómez e Sergio Arango–, Antón Rodríguez entrevistou durante meses a estudosos e achegados a Carvalho Calero, un traballo «moi enriquecedor» que deu un resultado «moi satisfactorio porque vivimos a ilusión que xera no ámbito cultural galego un proxecto desta índole». Asegura que tanto a el como aos seus compañeiros serviulles de moito profesionalmente para continuar coa súa traxectoria.

A pegada de Carvalho Calero
Os que coñeceron ao autor de obras como Vieiros, Anxo da Terra ou Xente da Barreira din, por exemplo, que era un home «meticuloso, disciplinado, esixente, respectado e cun gran caudal de coñecemento». Incluso, para Siro López, «chegou a ser o home máis culto de Ferrol». Ademais, Antón Rodríguez destaca a importancia que tivo no rexurdimento da literatura e lingua galega despois da Guerra Civil, «todo un traballo ao servizo do noso pobo».
Por outra parte, tamén reivindica o labor que «ano tras ano fan diversos colectivos e particulares a favor da súa candidatura ao Día das Letras Galegas e o espírito carvalhiano que aínda fica en moitos colectivos, como por exemplo, a Fundaçom Artábria –denuncia a situación na que se atopa a súa casa natal–, así como o traballo que desenvolve a Comisión das Letras Galegas para Carvalho Calero e mesmo os distintos gobernos que pasaron polo Concello, apoiando a candidatura do ferrolán», conclúe.
Vieiros de Esperanza estréase este venres na capela do Centro Cultural Torrente Ballester, a partir das 20:00 horas, no marco dos actos programados polo Concello de Ferrol e a Comisión Pro Carvalho Calero.
Debate sobre el post