Publicidad

Ferrol celebrou as Letras con teatro, música, literatura, ciencia e xornalismo

FERROL360 | Sábado 22 mayo 2021 | 21:12

Cinco días despois da data oficial das Letras Galegas, mais Ferrol conmemorou finalmente a festa da nosa cultura cunha chea de actividades que propoñían Voar sobre a terra desde unha carpa instalada na praza de Armas durante todo este sábado. Un recuncho entregado á literatura, por suposto, pero tamén á música, á ciencia, ao teatro e mesmo ao xornalismo.

Abriu a programación o alcalde, Ángel Mato, acompañado da concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, para dar paso de seguido a Acuario, de María Canosa e Teatro dos Ghazafelhos. Xa ás 12:00 horas a quenda foi para a presentación de O peso do cerebro, de Xesús Constela, co que conversou a xornalista Patricia Hermida.

Hermida foi tamén a encargada de moderar o coloquio Reivindicarmos Carvalho Calero no que participou a mestra Delia Vázquez, o profesor Xosé María Dobarro e o historiador Bernardo Máiz. Xa pola tarde os xornalistas Carme Domínguez Prol (podcast Café Derby 21) e Xosé Manuel Pereiro (revista Luzes) cuestionaron o papel do xornalismo na actualidade.

O divulgador científico e profesor universitario Xurxo Mariño colleu o relevo para falar dunha mente que voa nunha palestra, como ten por costume, moi dinámica e interesante. Pecharon as conferencias Enma Pedreira e Laura Romero falando da homenaxeada deste ano, a poeta e tradutora Xela Arias.

O música do alumnado do CMUS Xan Viaño despediu as Letras Galegas de Ferrol ata o ano que vén coas interpretacións de Aitana López Caaveiro, Alicia Iglesias Fernández, Iván Rey Martínez, Noa Cortizas Fernández, Lara Lorenzo Hernández, Lucas Marino Lanza, Omar Calderón e Andrés Rodríguez.