FERROL360 | Martes 1 de julio de 2025 | 11:05
O Peirao de Curuxeiras converterase os días 5 e 6 de xullo no escenario dunha nova edición das xornadas ‘Ventos de Bacallau e PYSBE – de Ferrol a Terranova’, unha proposta cultural, gastronómica e musical que busca homenaxear o legado dos homes e mulleres que traballaron no mundo da pesca e nas antigas factorías de bacallau. O evento está promovido pola Asociación de Veciños de Ferrol Vello en colaboración coa Autoridade Portuaria.
Nacidas no ano 2022, estas xornadas continúan a medrar ano tras ano cunha programación que combina conferencias, concertos e actividades arredor da gastronomía vinculada ao bacallau, co obxectivo de reivindicar a memoria do barrio e impulsar a creación dun futuro Museo das Xentes do Mar.
A programación comezará o sábado 5 ás 18.00 horas cun coloquio arredor do patrimonio da ría, o espazo portuario e as familias vencelladas á industria do bacallau. Participarán expertos como o arqueólogo David Fernández Abella, a historiadora Susana Menéndez Seoane e o mestre e investigador etnográfico Manuel Bouza Faraldo.
Ás 19.30 horas celebrarase un taller culinario no que se presentará o libro de receitas de PYSBE, con cociñeiros como Javier Vidal «Pío», Víctor Rodríguez Verdes, Bruno Millán González e Vicente Cid Maceiras «Toti». A actividade inclúe unha cata maridaxe con viños de JM Piñón. A xornada pecharase co concerto de Lidia India, que presentará o espectáculo «Ata que o Corpiño Aguante».
O domingo 6 haberá unha ruada coa agrupación Xoldaina ás 12.00 horas, seguida da actuación de As Pías ás 13.00 horas. Ás 14.00 celebrarase o tradicional xantar popular, no que se servirán pratos como cocochas con garavanzos e espinacas ou bacallau con cogomelos en escabeche momo.
A música volverá pola tarde co concerto de St. Jame’s Dixie Band ás 17.00 horas e o peche das xornadas correrá a cargo do grupo Vai Rañala Meu!, ás 18.00 horas.
A cita reafírmase como un espazo para recuperar a memoria colectiva de Ferrol Vello e poñer en valor unha parte esencial da súa identidade ligada ao mar.