FERROL360 | Mércores 27 febreiro 2019 | 9:14
As actividades organizadas polo Concello de Narón comezan este xoves co certame de Tapas de Entroido e terán continuidade o venres cunha festa infantil a base de inchables e música. Será ás 17:00 horas na Praza do Colexio de Xuvia en coordinación coa asociación veciñal Altea. Xa o sábado, o Festival de Comparsas reunirá a dez agrupacións.
Por Narón participan Os Argalleiros, Semente Revoluçom, Os Mangurriás, Os Parrandolos, Os Colludos e Tróupele, Tróupele. Asimesmo, estarán catro da comarca, tanto A Revolta como A Canteira, Vide Vindo e Os Trastos, convidada polo Padroado da Cultura. Chegarán ás 17:00 horas ao Pavillón da Mocidade, dende onde sairán ás 17:15 horas.
Percorrerán as rúas Bispo Argaya, Vilalba, Lugo, Wenceslao Fernández Flórez, estradas da Trincheira e de Castela e avenidas de Santa Icía e A Solaina. Actuarán desde as 18:00 horas na pista polideportiva da Solaina e optarán a tres premios por parte dun xurado que integran membros do Padroado da Cultura e das propias agrupacións.
Actuacións
En paralelo, haberá nese mesmo lugar concurso de disfraces. Conducirá a gala a compañía teatral Ghazafelhos e actuará a banda musical Los Mecánicos. Tamén o sábado, nova edición da Festa do Cocido da Gándara, enmarcada no ciclo Narón Gastronómico e organizada xunto á asociación veciñal.
Dende as 13:30 horas, animación coas comparsas; ás 14:00, xantar popular con sopa, lacón, orella, chourizo, costela, grelos, garavanzos, patacas, pan, bebida, torradas de anís e café. Pola tarde, dende as cinco, acompañamento musical; para asistir, pódense anotar ata a mañá do xoves no local social ou no 615190656.
Como complemento, o Concurso de Tapas de Entroido reúne a 21 establecementos, que serven do xoves ao 6 de marzo propostas de balde con produtos destas datas. Haberá premios para os locais e os clientes que voten. Para rematar, pasarrúas o domingo e marcha ciclista con disfraces o martes dende as 10:30, con saída do parque de Freixeiro.
O programa foi presentado polos edís de Cultura, María del Carmen Espada; Festas, Mar Gómez, e Promoción Económica, Xosé Gómez Fandiño. Xunto a eles, compareceu Juan Muíña, presidente da asociación veciñal da Gándara.