
RAÚL SALGADO / RAÚL LOMBA | Narón | Venres 18 decembro 2020 | 22:25
O deste venres no Pazo da Cultura de Narón foi o concerto de peche da xira «Inmersion», inicialmente previsto para outubro pasado e polo que houbo que agardar ante as limitacións pola covid-19. Porén, Guadi Galego xa está noutro momento, o derivado da saída á rúa de «Costuras», o seu último traballo discográfico, hai escasamente uns días.
Non dubida, este é un momento complexo, pero afirma que todo «o bo está por chegar». Valora máis aínda o apoio do público para reivindicar que a cultura é «moi curativa e moi segura», pero tamén que garante un «momento de evasión» en tempos de incertezas. No recital deste venres non houbo demasiadas pistas sobre o novo álbum, quixo respectar os tempos.

«Costuras», di a artista de Cedeira, é «menos oscuro», sen deixar á marxe que o anterior tiña «moita enerxía» en directo. Ofrece un «pouco máis de luz» cunha compilación de temas cun fío común, ser quen de «mudar o que fai infeliz». O título, iso sí, está alonxado da realidade práctica. «Quen me dera saber cosar», recoñece entre sorrisos a cantante.
Unha das mulleres que encabeza a renovación da escea musical galega di que as «tradicións están moi ben, as que nos definen como pobo», pero resalta que hai algunhas non tan boas: «Hai que alonxarse das que fan dano, as tradicións están en constante evolución». Como ela, a voz que apareceu «no bum do folk».

Resistindo están Milladoiro ou Luar na Lubre, «cambiaron as músicas tradicionais» e o papel da voz e de instrumentos como a pandeireta deu un salto. Non é menos certo que a mestura de culturas nunca fora tan doada cando «Internet non ten cancelas». No próximo, en Galicia, Galego desexa que os medios públicos dean máis espazo «á música do país».
Sostén que aquí «é máis doado» por ser un territorio relativamente pequeno, pero rico en artistas. Incide en que moitos «non teñen oportunidades» e tampouco contribúe que non haxa «programas específicos» nos que teña protagonismo «a música feita por galegos; boto de menos ver aos meus compañeiros na televisión pública de Galicia».