FERROL360 | Domingo 25 setembro 2016 | 16:53
A andaina a San Andrés de Teixido, organizada polo Concello de Valdoviño, recuperou nesta edición o seu carácter cultural e etnográfico, co que nacía hai dezasete anos. A punto de cumplir a maioría de idade, a iniciativa foi secundada por unha expedición de 112 persoas, a totalidade das prazas previstas pola organización.
Veciños de todas as idades fixeron xuntos un camiño que, no tramo que discurre por Valdoviño, se convertía en paseo cultural. Como todos os anos, o arqueólogo e actual alcalde do municipio, Alberto González, actuou de guía e os romeiros foron descubrindo o rico patrimonio que atesoura a localidade.
Tras a saída da Rocha, os participantes fixeron dúas paradas programadas polo departamento municipal de Cultura. Dúas paradas especiais polo seu significado no Camiño a San Andrés: a Ermida de Liñeiro, coñecida por todos como Capela da Fame, e Porto do Cabo.
A primeira, do século XVI, é un templo sinxelo nas formas no que destaca o seu retablo en pedra policromada de estilo renacentista. Segundo a tradición oral, era o lugar elixido polos romeiros para descansar, comer e recobrar forzas.
Porto do Cabo marca o fin da ruta a San Andrés no municipio, un núcleo rural onde destaca a súa ponte medieval do século XVI sobre o río Mestas e a Casa da Bastona, antigo albergue para peregrinos.
Precisamente neste punto, o Concello organizou unha performance no lugar. Unha auténtica sorpresa para os participantes na andaina. De aí, todos continuaron o camiño ata Teixido. Cos impresionantes cantís e o fermoso santuario eirixido neste rincón singular da xeografía galega como telón de fondo, os romeiros disfrutaron dun xantar popular que puxo fin á iniciativa.
Debate sobre el post