REBECA COLLADO | Narón | Venres 20 outubro 2017 | 13:16
Cunha actividade trepidante, con reunións e sinaturas de documentos, así atopamos á nova alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a punto de cumprirse un mes da súa toma de posesión. O día da entrevista non é precisamente unha boa xornada para ela por cuestións persoais, pero aínda así non quere aprazala. Sen dúbida, xa está asentada nas súas obrigas como rexedora.
Asegura que vive estes días con moita ilusión e satisfacción, preocupada por non poder entrevistarse con máis persoas nestas primeiras semanas. A súa folla de ruta está marcada por unha actitude de man tendida, de diálogo, de falar dos problemas para buscarlles solucións.
A pesar dese talante negociador, a alcaldesa tivo que afrontar as primeiras críticas na súa investidura e poucos días despois coas acusacións do voceiro de ENE, que asegurou que o Concello gastou 6.000 euros no «circo» da toma de posesión de Ferreiro. Coas facturas na man, a rexedora defende que o gasto foi de 781,50 euros entre os pinchos e a contratación dun técnico de son por se había algún problema.
«Son os únicos gastos distintos a un pleno ordinario», explica Ferreiro e engade que «persoalmente me considero una persoa responsable cos cartos públicos». Comenta que a contratación do técnico de son «é algo que sempre se fai co cambio de corporación porque veñen más medios de comunicación e precisamos a alguén externo por se hai algún problema». E sobre os pinchos, salienta que «éstabamos celebrando a despedida de unha persoa que leva 34 anos no Concello e o acto estaba aberto ao público».
FERROL360 – Como afrontas estas primeiras semanas como alcaldesa de Narón?
MARIÁNFERREIRO – Con moita ilusión e satisfacción. Os veciños felicítanme, danme a noraboa e deséxanme o mellor. De momento, recibo palabras boas. Pero tamén asumo o cargo co respecto de gobernar unha cidade con 40.000 habitantes. Agora estamos a recibir unha avalancha de solicitudes de entrevistas para compartir as primeiras palabras e impresións, para poñernos cara coas entidades e veciños, e imos con retraso, non se están a producir con toda a celeridade que quixéramos.
360 – E como serán as relacións co resto de administracións?
MF – Son unha persoa de diálogo, como o meu antecesor, e sempre tentarei falar e abrir vías de colaboración. A nivel comarcal estamos tentando desatascar o tema do saneamento e eu pularei por sentarnos a falar todas as veces que sexan precisas para chegar a un entendemento. Con Augas de Galicia aínda non hai un acordo pechado e teño toda a vontade de intentalo, son esperanzadora. Co resto de administracións xa se solicitaron entrevistas para tratar os proxectos que hai en marcha e pendentes.
360 – Algún reto en mente para este tempo que queda de lexislatura?
MF – Todo seguirá como ata agora porque non houbo un cambio de grupo na Alcaldía. José Manuel Blanco decidiu dar un paso atrás e eu un paso adiante, pero non haberá grandes cambios porque o programa de Terra Galega sempre está centrado en catro grandes áreas: Cultura, Infancia, Persoas Maiores e Deportes. E así continuaremos, asinando convenios coas entidades e promovendo a recuperación das tradicións como o Samaín ou a Esfolla.
360 – Hai algún proxecto ao que lle teñas ganas, que queiras levar a cabo?
MF – Si, pero non o podo dicir. Temos un proxecto en mente, pero aínda hai que estudalo con todos os grupos do goberno. Non se trata dunha grande obra, pero si unha iniciativa interesante. Temos que ver se podemos conseguir fondos, a través dalgunha subvención doutras administración.
360 – Co cambio na Alcaldía, como é o trato co resto de grupos do goberno PSOE e BNG?
MF – Igual que ata agora. Dialogamos o máximo posible, sempre temos conversas, somos tres grupos cohesionados e hai moito respecto institucional. Agora estamos a traballar nos orzamentos para o vindeiro ano.
360 – Continuarás ligada ao mundo cultural da cidade?
MF– Si, como presidenta do Padroado da Cultura de Narón. É a área que máis me gusta e vou continuar moi pendente dela de primeira man. En breve, inauguraremos a concha acústica do Pazo da Cultura cun concerto da Sinfónica de Galicia.
360 – Chamas a José Manuel Blanco para pedirlle consello?
MF – Si, falamos habitualmente, case todos os días. A relación é moi boa.
360 – Ser a primeira muller alcaldesa de Narón ten aínda máis responsabilidade?
MF – Intento que non, pero pode ser que si.