FERROL360 | Martes 25 xullo 2017 | 20:35
Amante da terra como poucos, morreu este martes, Día da Patria. O músico Antón Varela deixa un valiosísimo legado vinculado coa música tradicional galega. Nado en Ferrol en 1955, a súa traxectoria contempla facetas como artesán, intérprete e compositor.
Membro do emblemático grupo Os Cempés, tamén formou parte dos Raparigos e Berros do Castro. Luthier de prestixio a nivel europeo, mantivo en plena actividade o seu local de traballo ata que a súa enfermidade fixo imposible a súa tarefa diaria en datas recentes.
Agora instalado na rúa Madalena, estivo aberto durante anos nun coñecido baixo da rúa San Francisco, dende o cal o son das súas gaitas animaba os días a veciños e visitantes na vía neurálxica de Ferrol Vello. O seu traballo levou a que asistise a numerosas citas de todo o continente como reputado especialista neste eido.
Dunha popular familia relacionada con Canido, os seus irmáns Paco e Pepe foron parte destacada dunha xeración de xornalistas dende La Voz de Galicia. O edil de Cultura, Suso Basterrechea, expresou en redes sociais a súa tristura e a Xunta de Confrarías da Semana Santa un «fondo sentimento de dor». O seu presidente, César Carreño, di que «apreciaba moito» ao finado.
Debate sobre el post