FERROL360 | Martes 24 abril 2018 | 17:15
O Concello de Mugardos ten aberto xa o novo prazo para solicitar axudas das Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) nos núcleos de Mugardos e O Seixo. O Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado venres o acordo da Xunta de Goberno Local, do 12 de abril, polo que se habilita unha nova convocatoria despois de que a primeira non esgotara os fondos previstos nesta anualidade.
A alcaldesa, Pilar Díaz, explicó que a intención é chegar a gastar os fondos e dar á veciñanza as maiores facilidades para acollerse ao programa. Así, abriuse un novo prazo de 40 días, contados a partir da publicación o pasado venres no BOP, para solicitar as axudas.
No apartado correspondente ao Ministerio de Fomento, a axuda máxima será de 11.000 euros por vivenda, ou ata 30.000 euros por vivenda construída en substitución doutra, co tope do 35% da inversión subvencionable. E por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo, hai axudas de ata 4.000 euros, co máximo do 10% do orzamento protexido.
Xunto co novo prazo, ampliouse tamén o periodo válido para xustificar as inversións, que anteriormente fixaba o 15 de setembro deste ano. Así, os beneficiarios das axudas poderán realizar as obras ata o 31 de decembro de 2019.
A alcaldesa, Pilar Díaz, confía en que a veciñanza poderá así sacar maior partido do programa ARRU, despois de que no primeiro prazo aberto o pasado 1 de febreiro concurriran ao mesmo un total de sete proxectos.
O programa prevé mobilizar un presuposto de 133.428,57 euros, dos cales 115.000 euros corresponden ás actuacións de rehabilitación de vivendas e o resto serven para custear a oficina encargada da xestión do programa. O 47,55% da inversión corresponde aos propietarios das vivendas, o 33,28% é custeado polo Ministerio de Fomento; o 13,42% sufragao a Xunta e o 5,72% aportao o Concello.
A veciñanza pode acudir á Oficina de Rehabilitación, no Concello, para obter máis información e realizar os trámites.
Debate sobre el post