Mulleres Rurais de Esmelle: «Aínda hai unha brecha entre o rural e a cidade»

Mulleres rurais de Esmelle. DE esquerda a dereita: Lucía García, Mariví Fernández e Fina Lorenzo. Foto: Alicia Seoane
Mulleres rurais de Esmelle. DE esquerda a dereita: Lucía García, Mariví Fernández e Fina Lorenzo. Foto: Alicia Seoane

Hai case tres décadas, no ano 96, un grupo de mulleres de Esmelle comezou a reunirse a raíz dun curso impartido por Extensión Agraria. O que naceu como un espazo para aprender, compartir e facer actividades acabou converténdose na Asociación de Mulleres Rurais de Esmelle, unha entidade que leva 30 anos dando vida ao rural e que hoxe continúa cuestionándose sobre cal debe ser o seu papel.

Mariví Fernández Beseiro ten 74 anos, e Fina Lorenzo Ramos, 79. A Asociación veciñal de Esmelle acaba de abrir, e elas esperan tomando un café, facendo memoria de todos estes anos. Falan dos primeiros pasos da asociación, das excursións, dos cursos, da alfabetización, das actividades e tamén dunha época na que ser muller e vivir nunha parroquia rural podía marcar unha diferenza máis evidente respecto das mulleres da cidade.

«En febreiro do 96 formouse por mediación de Extensión Agraria», lembran. Unha profesora chamada María chegara a Esmelle para impartir un curso agro. Ao rematalo, aquelas mulleres decidiron que non querían que aquel encontro quedase nunha experiencia puntual.

«Descubrimos que podiamos facer actividades, compartir e traer cousas a Esmelle … E seguimos reuníndonos». Pouco a pouco foron aumentando as propostas e decidiron constituírse como asociación. Ter esa estrutura permitíalles tamén acceder a axudas e organizar novas actividades.

De esquerda a dereita: Vicky, Lucía, Mariví e Fina

Aprender tamén foi unha conquista

A historia da asociación está ligada á formación. Nos anos noventa chegaron cursos de todo tipo: galego, actividades manuais, propostas relacionadas co movemento e a memoria e tamén alfabetización. Porque naquela época aínda había mulleres que non sabían ler nin escribir.

Un dos recordos que máis permanece na memoria das entrevistadas é o dunha muller que aprendeu a ler xa con corenta anos. «Acordo que lle dixen: ‘Agora xa sabes ler o nome do bus de Covas’». Ata entón dependía doutras persoas para algo tan cotián como identificar o autobús que tiña que coller. Tamén houbo clases para obter o graduado escolar. «Tiñamos moitísimas actividades», lembran.

E había excursións. Os chamados centros comarcais organizaban visitas culturais ás que as mulleres de Esmelle podían acudir pagando, en moitos casos, apenas a comida. A Coruña, Lugo, Ourense ou diferentes museos formaban parte daqueles itinerarios. «Era a época das vacas gordas», lembran con certa retranca. Viaxes, cultura, formación e encontros que para moitas mulleres supoñían tamén unha oportunidade para saír da súa contorna habitual e coñecer outras realidades.

Un rural que tamén quería ter voz

Pero detrás das actividades había algo máis profundo: a necesidade de que as mulleres do rural tivesen voz propia. As entrevistadas lembran que naquela época existía unha percepción diferente das mulleres que vivían fóra do núcleo urbano. «Sempre tiñan como preferencia a cidade», explican.

A sensación era que o rural quedaba nun segundo plano. E iso percibíase tamén dentro das propias administracións e nas relacións con outras entidades. Lembran, por exemplo, unha reunión na que participaron diferentes asociacións e na que algunha das mulleres de Esmelle sentiu que eran observadas como se, polo feito de proceder dunha aldea, soubesen menos ou tivesen menos capacidade para xestionar unha asociación. «Parecía que pensaban que eramos tontas, que nunca viramos cartos», lembran.

Aquela mirada, aseguran, tamén se mesturaba co feito de falar galego, de proceder do rural ou de vivir nunha parroquia afastada do centro urbano. «Había unha certa discriminación», sinalan. Esa experiencia explica, en parte, por que aquelas mulleres consideraron importante organizarse. Non só para facer actividades, senón tamén para defender unha realidade propia.

Ao longo destes anos, a asociación tamén viviu a evolución do movemento asociativo e das reivindicacións das mulleres. «Nós non estabamos pola política, íamos polas necesidades da asociación, polo que queríamos ou polo que necesitabamos». Unha maneira de entender o compromiso coa igualdade desde a experiencia concreta de vivir nunha parroquia: ter servizos, poder formarse, contar con espazos de encontro ou simplemente dispoñer das mesmas oportunidades que as persoas que viven na cidade.

A brecha xa non é a mesma, pero segue existindo

Case 30 anos despois, Mariví e Fina recoñecen que moitas cousas cambiaron. As mulleres rurais de hoxe teñen unha relación moito máis fluída coa cidade. Traballan en Ferrol, conducen, estudan, participan en actividades e teñen unha autonomía que non era tan habitual para a xeración anterior. «Agora a muller posicionouse. Xa non hai tanta diferenza», apuntan.

Pero iso non significa que a brecha desaparecese. Para as novas directivas da asociación: Lucía García e Victoria Sabín (entre outras),  o problema actual xa non está tanto en diferenciar entre unha muller rural e unha urbana, senón en igualar os servizos e os dereitos entre o rural e a cidade.

E aí aparecen reivindicacións moi concretas: transporte público, saneamento, estradas, servizos sanitarios, escolas infantís, farmacias ou actividades culturais e deportivas. «Pagamos os mesmos impostos», lembran. Por iso consideran difícil aceptar que vivir nunha parroquia implique ter que renunciar a determinados servizos.

Unha estrada que tarda meses en arranxarse, un autobús que apenas pasa ou a imposibilidade de acudir a unha actividade sen coller o coche son exemplos dunha desigualdade que segue presente, «por non falar do saneamento, que cada vez que toca baleirar unha fosa, aí van os cartos!».

A nova barreira: a tecnoloxía 

E se hai unha palabra que define unha parte importante das dificultades actuais é a tecnoloxía. A dixitalización da administración facilitou moitos procedementos, pero tamén creou novas barreiras para persoas que non creceron rodeadas de ordenadores e teléfonos intelixentes. «Eu o móbil sei usalo para mandar unha mensaxe e punto», explica unha das entrevistadas.

Neste contexto Lucía e Vicky son conscientes de que a tecnoloxía para a xente maior, «Non é intuitivo», sinalan. E poñen un exemplo moi claro: «obter un documento do Concello pode parecer sinxelo para alguén acostumado á administración electrónica, pero require coñecementos previos que non todo o mundo ten». Para elas, debería seguir existindo a posibilidade de recibir atención presencial, especialmente cando se trata de trámites complexos.

O rural tamén necesita lugares para encontrarse

A asociación non só serviu para organizar cursos. Foi tamén un lugar de encontro. E esa dimensión comunitaria é algo que a nova directiva consideran que se está a perder. Antes era máis habitual que as mulleres se reunisen, compartisen actividades e construísen relacións máis estreitas coa veciñanza. Hoxe, en cambio, moitas teñen coche e poden desprazarse facilmente a Ferrol para ir ao ximnasio, facer unha actividade ou quedar con outras persoas. «Agora falta a colectividade», resumen.

A propia cafetería do centro veciñal de Esmelle continúa funcionando como un pequeno punto de encontro. As mulleres toman o café, as familias utilizan o parque infantil e mesmo hai persoas que chegan desde Narón atraídas por actividades como o parque de bolas ou as instalacións deportivas. O rural, din, tamén necesita espazos de ocio e relación social.

O desafío está en atopar novas formas de atraer ás novas xeracións sen perder aquilo que deu sentido á entidade durante tres décadas: a capacidade de xuntarse para facer cousas xuntas. Porque o rural tamén mudou. E tamén cambiaron as mulleres.

Xa non se trata exactamente das mesmas reivindicacións que en 1996. Pero segue existindo unha pregunta de fondo: como conseguir que vivir nunha parroquia rural non signifique ter menos oportunidades? Mariví e Fina cren que agora hai que poñer o foco aí. Non só nas mulleres, senón no rural no seu conxunto, e niso ambas xeracións están de acordo. «Quedan cousas por facer. Aínda hai unha brecha entre o rural e a cidade».

E quizais esa sexa a mellor maneira de resumir os 30 anos de historia destas mulleres: primeiro aprenderon a reunirse para cambiar as súas vidas; agora queren que o lugar no que viven tamén cambie con elas, porque as mulleres son conscientes de que é preciso que os lugares nos que viven sexan habitables.