ALICIA SEOANE | Martes 10 de junio de 2025 |
A historia de Ferrol non se comprendería sen os feitos sucedidos no monte de Brión, cando no ano 1800 a frota inglesa invadiu a cidade, desembarcando en Doniños. Os ferroláns, coñecedores dos montes, defenderon as súas terras e conseguiron expulsar aos ingleses, unha fazaña que se segue a conmemorar dende hai 35 anos, e que é un símbolo da resistencia dos ferroláns.
Alberto Hermáns, un dos organizadores do Brión Folk Festival 1800, explícanos a importancia destes feitos para a nosa cidade, pero tamén a relevancia de poñer en valor a nosa historia e o noso patrimonio, vencellados coa música: «dende a Asociación Lenda Ártabra, na que tamén temos un grupo de música folk co mesmo nome, e tras mudarme coa miña familia á zona de Brión, vimos a necesidade de dinamizar a zona e apostar por este territorio que ten unha historia clave e que, ademais, está nun lugar perfecto. Temos as baterías militares preto e o propio Castelo de San Felipe».
Aproveitando as asociacións que levan anos traballando na zona de Brión para conmemorar a batalla, decidiron sumar ao evento unha fin de semana onde a xente poida gozar da música tradicional galega. «O Festival intenta agrupar tres piares: o grupo que realizaba a recreación histórica da batalla, que levan anos sen poder facela, son quen teñen os uniformes e os traxes de época; ademais, están os veciños da Asociación Veciñal de Brión, que son quen organizan a subida ao monte coa comida popular. Nós quixemos celebrar este feito unindo unha parte musical, para converter o evento nunha xornada familiar festiva, que ademais sería o primeiro festival folk da zona», explica Hermáns.
O Brión Folk Festival celebrarase do 22 ao 24 de agosto, simulando cunha batalla musical os feitos acontecidos, así haberá dous grupos de folk galego, no escenario fronte a un terceiro grupo de folk irlandés( grupo invasor).
Programación da primeira edición do Brión Folk Festival 1800
O venres 22 de agosto comezará a xornada no local social de Brión, coa inauguración por parte das autoridades, para a continuación dar paso a un faladoiro xunto a Xurxo Souto, sobre A importancia do mar en Ferrol. Xurxo Souto é especialista en patrimonio marítimo. A primeira xornada rematará cunha noite de cantos de taberna dinamizada por tres grupos: Son de Cantos, Feroces da Galgueira e No Cómbaro.
O sábado pola mañá, ás 10:00 horas, realizaranse dúas andainas históricas programadas polo monte de Brión, unha máis longa de uns 17 km, e outra máis curta; ambas son rutas circulares con saída e chegada desde Santa María de Brión.
Á chegada, cara ás 14:00 horas, celebrarase o xantar popular, onde a xente poderá comer a prezos populares. E sobre as 16:00 horas, os nenos poderán desfrutar dun obradoiro de creación de instrumentos musicais a cargo de Emilio Lois, mentres que os maiores poderán optar por realizar dúas visitas guiadas con saída en bus desde Brión: unha ao Castelo de San Felipe e outra ao Museo Naval.
De regreso, ás 20:00 horas, a Banda de Gaitas do Toxos e Froles, Terra de Trasancos, dará paso á xornada musical, que tamén contará coa posibilidade de cear un arroz a bo prezo, para comezar a festarrachada sen fame, ás 21:00 horas.
Nesta primeira edición debutan tres bandas: Trikitrí, Brixta e Stolen Norte (banda invasora de raíz folk irlandesa). Tras estas case tres horas de música, e arredor das 00:00 horas, para quen aínda teña ganas de troula, continuará no campo da festa, fóra dos escenarios, unha foliada, ata que o corpo aguante.
O domingo pola mañá, toca madrugar para a subida aos montes de Brión, para recrear a fazaña dos ferroláns na defensa das súas terras, cun xantar popular e unha tarde campestre, que culminará ás 20:00 horas coa actuación da Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, para dar paso a outra sesión de batalla musical con Maghúa, Lenda Ártabra e Mosquera Celtic Band, as dúas primeiras representando ás bandas locais e a terceira ao bando invasor.
Desde a organización esperan que este primeiro Festival Folk de Ferrol dure moitos anos, e «sexa unha mostra do viva que está a nosa música e a nosa cultura».