FERROL360 | Sábado 24 setembro 2016 | 14:11
O Concello de Narón destinará este ano unha partida global de 800.000 euros á instalación de alumeado led en varias rúas e prazas da localidade. A partida procede marioritariamente das arcas locais xa que 500.000 aportounos o Concello e os 300.000 restantes proceden do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña, correspondente ao ano 2015.
O edil de Obras, Pablo Mauriz, indicou que según as previsións, a factura enerxética do Concello podería reducirse en máis de 100.000 euros ao ano, cando se completen todos os traballos proxectados na zona urbana.
As actuacións con cargo a este orzamento permitirán dotar de alumeado led á práctica totalidade dos barrios da Gándara e A Solaina, pero tamén á zona das Vivendas de Profeco; á avenida Bernardo Romero -no polígono de Río do Pozo-; aos pavillóns das Lagoas e Campo da Serra e ao vial principal da urbanización do Couto.
Eficiencia enerxética
«O obxectivo destes traballos é reducir o máximo posible as emisións de dióxido de carbono á atmósfera e, ao tempo, continuar disminuíndo o gasto en consumo eléctrico do Concello», asegurou o edil de Obras.
Así mesmo, subliñou a importancia de acometer estas intervencións que, ao mesmo tempo, dixo, «permitirannos reducir tamén os gastos que anualmente asumimos derivados do mantemento das luminarias actualmente instaladas de luz convencional, que rexistran varias avarías, ao ter o novo alumeado led unha garantía de dez anos».
A colocación destes equipos, cunha vida útil considerablemente maior, ofrecerá tamén unha serie de garantías a nivel medioambiental, xa que ademais de non ter mercurio, pódense reciclar. Unha vez que rematen os traballos, «poderase constatar que a sensación de luminosidade aumenta considerablemente coa tecnoloxía led, cunha elevada eficiencia enerxética, o que tamén é unha vantaxe importante con respecto ao servizo das actuais luminarias», recalcou o edil de Obras.
Mauriz recordou ao respecto que nos barrios da Solaina e da Gándara xa se levaron a cabo tarefas de instalación de alumeado led en varias zonas, aínda que ata finais de ano continuarán desenvovéndose os proxectados nestes dous barrios ata conseguir que todas as vías e plazas destas zonas da localidade dispoñan de alumeado led.
Así mesmo, o concelleiro naronés avanzou que nos orzamentos do vindeiro ano se contemplarán partidas destinadas a ampliar este tipo de alumeado ao resto da zona urbana, comezando pola parroquia de Xuvia e polo Camiño do Pino.
Debate sobre el post