FERROL360 | Sábado 17 outubro 2015 | 16:44
A empresa encargada de levar a cabo as obras de mellora de viais no polígono de Río do Pozo rematará a actuación previsiblemente antes de finais de mes. Esta actuación conta cun orzamento de 116.298 euros e está cofinancia cunha subvención do plan de axudas da Consellería de Industria para a mellora de infraestruturas en parques empresariais de Galicia.
As obras permitirán adecentar o firme dunha superficie duns 9.700 metros cadrados. A intervención acométese en viais das fases I e III do polígono industrial de Río do Pozo, onde a elevada densidade de tráfico rodado e o continuo tránsito de camións de gran tonelaxe deteriorou co paso do tempo a capa de aglomerado.
Os traballos que se están rematando permitirán tapar as fochancas e adecentar o estado do firme de varios tramos da avenida Bernardo Romero e das rúas interiores das citadas fases deste parque empresarial naronés.
O concelleiro de Obras Públicas lembra que no ano 2006 se realizaron unha serie de tarefas de mantemento no vial principal de acceso, a avenida Bernardo Romero, e no 2009 actuouse no vial transversal das fases I e II, a avenida Gonzalo Navarro. A última intervención que se levou a cabo nos viais deste parque empresarial tivo lugar no ano 2014, cunha reforma na rodadura sobre unha superficie duns 6.000 metros cadrados.