FERROL360 | Sábado 21 decembro 2019 | 14:40
O Concello ofrece aos comercios locais pegatinas con lemas en galego de balde para colocar nos envoltorios dos agasallos de Nadal. A iniciativa realízase coincidindo coa campaña municipal «Comercio de Narón, en Nadal e sempre» e en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística.
Así, un ano máis o Concello pon a disposición dos comerciantes etiquetas para poñer nos agasallos e facilitar que os negocios locais realicen a súa actividade no idioma propio de Galicia.
As etiquetas adhesivas entréganse de balde e teñen diferentes lemas, como «Cos meus mellores desexos», «Parabéns», «Quérote», entre outros.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, indicou que as etiquetas adhesivas, poden solicitarse, para empregar nos seus negocios, así como recibir asesoramento lingüístico ou formación a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón.
Para solicitar este servizo pódese acudir departamento situado no quinto andar do Concello, a través do correo electrónico a.pita@naron.es ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 extensión 1516.
Narón comezou con esta iniciativa dende o ano 2016. O obxectivo é «animar ao pequeno comercio da cidade a empregar a nosa lingua na atención ao público e tamén a través da publicidade, cartelería, rótulos, redes sociais a modo de valor engadido á calidade, proximidade e autenticidade dos pequenos comercios de Narón», afirmou Taibo.
Comercio de proximidade
Ademais, o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, entregou ao presidente da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra, Antonio Martínez, bolsas de material reutilizable para contribuír á campaña iniciada polo colectivo baixo o lema «Protexamos as librarías de barrio, protexamos o medio ambiente».
Esta campaña lévase a cabo durante o Nadal, coincidindo coa de promoción de comercio de proximidade. Así, o Concello adquiriu un milleiro de bolsas que se entregaron ao representante da Agrupación de Libreiros de Ferrolterra para a súa distribución entre a clientela que realice compras nestes establecementos.
Entre os obxectivos desta iniciativa, tal e como indicou o edil, «está apoiar ao pequeno comercio» e «concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o medio ambiente», motivo polo cal se entregan estas bolsas para evitar e eliminar as realizadas con material plástico.
Debate sobre el post