Publicidad

Neda buscará financiamento para construír unha nova ponte sobre o Belelle na zona do Roxal

FERROL360 | Xoves 11 xaneiro 2018 | 13:16

O Concello de Neda buscará o apoio económico das Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural para construír unha nova ponte sobre o río Belelle na zona do Roxal. Desde o goberno local explican que as características e deterioro da actual ponte non permiten a circulación de vehículos articulados e supoñen ademais unha barreira nas crecidas do río, provocando a miúdo o seu desbordamento.

O proxecto para a execución dunha nova ponte, augas abaixo da antiga, está valorado en 128.000 euros. Esta nova construción non suporía unha nova barreira nas cheas do río e tamén garantiría poder cruzar o Belelle incluso nas condicións meteorolóxicas máis adversas e para todo tipo de vehículos, sinalan desde o Concello.

A ponte contaría con catro vigas prefabricadas apoiadas en dous estribos, sen ningunha pila intermedia e cunha pendente axeitada ás características do terreo. O prazo estimado para a execución dos traballos é de tres meses.

O goberno local salienta a importancia dunha obra, non só de cara á comodidade dos veciños que viven na zona, senón tamén desde o punto de vista medioambiental. Neste senso, remarcan desde o Concello que ante un eventual lume nos montes e, dadas as condicións actuais do paso, tanto as brigadas de extinción como os equipos mecánicos estarían obrigados a rodear o monte, polo que a súa intervención sería menos efectiva.