FERROL360 | Mércores 15 maio 2024 | 12:45
O Concello de Neda organiza unha serie de eventos culturais para conmemorar o Día das Letras Galegas o próximo venres 17 de maio, este ano dedicado á destacada escritora, música e docente coruñesa Luísa Villalta, no vixésimo aniversario do seu falecemento. As actividades están deseñadas para atraer tanto ao público xeral como aos mozos e mozas, e desenvolveranse ao longo de toda a semana. A programación comezará na biblioteca municipal cunha exposición bibliográfica que resalta as obras de Villalta xunto ás de outras cinco autoras previamente homenaxeadas pola Real Academia Galega nos seus 61 anos de historia, entre elas Rosalía de Castro e Xela Arias. Esta mostra busca profundizar na traxectoria literaria e o legado de Villalta, cuxa obra abrangue unha variedade de xéneros e destaca pola súa innovadora fusión de poesía e música.

O xoves 16 de maio, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura proxectará o aclamado documental «O auto das ánimas» de Pablo Lago Dantas, un filme que recibiu varios premios e que ofrece un emotivo «viaxe de reconciliación» coas raíces rurais de Galicia. A homenaxe da artista coruñesa continuará o sábado 18 de maio ás 11:30 horas cun obradoiro de escritura creativa para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Guiados pola artista Velaísca, os participantes explorarán a obra de Luísa Villalta mediante a técnica de «lettering», unha forma creativa de xogar coa cor e a forma das letras, achegando así aos máis novos ao impacto da súa escritura. O Concello convida a todos os veciños e visitantes a participar nestes eventos, deseñados para fomentar o aprecio pola literatura galega e celebrar a herdanza cultural da nosa comunidade.