Publicidad

Néstor Rego acusa ás forzas estatais de «alternarse na discriminación coa Galiza» nun acto en Ferrol

FERROL360 | Lunes 9 de marzo de 2026 | 13:47

O BNG celebrou en Ferrol un encontro informativo para explicar o traballo realizado nas Cortes do Estado e os avances conseguidos durante esta lexislatura en favor de Galiza e da comarca de Ferrolterra.

No acto participaron o deputado no Congreso Néstor Rego e a senadora Carme da Silva, acompañados pola responsábel comarcal Pilar Lozano e o portavoz municipal Iván Rivas, quen destacaron o papel da organización nacionalista para levar ás institucións estatais as demandas do país.

Durante o encontro, Pilar Lozano destacou que o Bloque mantén unha liña política centrada nas necesidades de Galiza. «O traballo do BNG nas Cortes permite colocar as prioridades do noso País no debate político estatal e impulsar acordos orientados a mellorar a vida dos galegos e das galegas», afirmou.

Ferrol e o futuro do naval no foco das iniciativas

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas, advertiu da importancia das decisións que se toman en Madrid para o futuro da cidade, especialmente no relativo ao sector naval.

«Se hai unha cidade na que as decisións que se toman desde Madrid son determinantes para o seu presente e o seu futuro, é Ferrol», sinalou Rivas, quen tamén criticou o que definiu como o «confinamento» ao que se someteu durante anos á construción naval, en especial no ámbito militar.

O portavoz nacionalista defendeu que a presenza do BNG nas institucións estatais resulta clave para defender os intereses da comarca. «A presenza do BNG nas cámaras estatais é necesaria e determinante para solucionar os problemas», asegurou, subliñando que é necesario aumentar a representación nacionalista nas Cortes.

A ‘Axenda Galega’ nas Cortes do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que a formación está a cumprir cos compromisos adquiridos nas eleccións xerais, exercendo como voz de Galiza en Madrid e defendendo políticas sociais e infraestruturas estratéxicas.

«Hai actuacións que o Goberno non impulsaría se o BNG non estivese e hai actuacións que se o Goberno do Estado fará é porque o BNG estará insistindo», afirmou, citando entre os exemplos actuacións relacionadas con Ferrol como a modernización do ferrocarril, o impulso ao by-pass de Betanzos ou a mellora da liña Ferrol–A Coruña.

Rego tamén destacou medidas de carácter social promovidas pola formación nacionalista, como o aumento das pensións mínimas, a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ou a creación de xulgados específicos contra a violencia machista.

O deputado nacionalista incidiu en que non houbo cuestión relevante que afectase á cidade de Ferrol ou á súa comarca que o BNG non levase ás Cortes do Estado. Entre elas destaca a iniciativas relacionadas co futuro e a dotación de Navantia, así como propostas en materia de infraestruturas ou financiamento.

Ao mesmo tempo, o deputado criticou a actitude dos partidos de ámbito estatal cara a Galiza. «As forzas de ámbito estatal altérnanse na discriminación coa Galiza: din unha cousa cando están na oposición e fan a contraria cando están no Goberno», sentenciou.

Críticas ao papel do PP

A senadora do BNG, Carme da Silva, puxo como exemplo a situación da AP-9, lembrando que o Bloque conseguiu descontos de até o 75 % nas peaxes, aínda que insistiu en que o obxectivo final segue sendo outro. «Aspiramos a que a AP-9 sexa galega e libre de peaxes», afirmou.

Da Silva tamén criticou a postura do Partido Popular no Senado en varias iniciativas relacionadas con Galiza, como a implantación dun servizo ferroviario de proximidade ou o dereito a utilizar o galego na cámara alta.

Segundo concluíron os representantes nacionalistas, o obxectivo do BNG é seguir reforzando a súa presenza nas institucións estatais para aumentar a capacidade de influencia nas decisións que afectan a Galiza e, en particular, á comarca de Ferrolterra.