FERROL360 | Martes 18 setembro 2018 | 9:40
As persoas propietarias de vivendas situadas entre as rúas Real, Santa María, Castro e San Nicolás de Neda, que pertencen á Área de Rexeneración e Renovación Urbana, dispoñen dun novo prazo para solicitar axudas para a rehabilitación das edificacións.
O goberno local de Neda asinou o pasado outono un convenio co Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia para garantir a rehabilitación de oito vivendas e o Boletín Oficial da Provincia publicou este mes de setembro unha nova convocatoria para a obtención das subvencións.
A previsión de gasto é de 140.397,40 euros entre cartos públicos e privados co obxectivo non só de conservación das vivendas senón tamén da mellora da súa habitabilidade e a estética do conxunto patrimonial do centro histórico de Neda.
As axudas pódense tramitar na oficina técnica municipal, situada no último andar do Concello. Os tipos de actuacións van desde a adecuación de fachadas e cubertas ata a recuperación de espazos comúns, pasando por cuestións de estética e pola eficiencia enerxética ou illamento e a accesibilidade.
Estas subvencións só se contemplan para a vivenda habitual e sempre que sexa algunha das 218 que existen no espazo territorial delimitado pola Área de Rexeneración e Renovación Urbana do conxunto do casco antigo da vila de Neda.
Desde o goberno municipal de Neda remarcan a aposta por aquelas accións de preservación do patrimonio construído, así como por o fomento das accións necesarias para a recuperación dos edificios que contribúen á revalorización dos valores arquitectónicos e sociais da zona.
Debate sobre el post