FERROL360 | Venres 22 Nadal 2023 | 20:44
O Apalpador percorrerá de novo este sábado as rúas de Ferrol para visitar á rapazada antes do Nadal da man da Fundaçom Artábria, unha das entidades que teñen recuperado a figura deste carboeiro do Courel que baixa das montañas a comprobar se os nenos e nenas están ben mantidos. Contando coas súas axudantes trasnas, estará tamén acompañado da Banda de Gaitas Xoldaina.
Comezará a ruada no local de Artábria en Esteiro, na Travesa de Batallóns, ás 17:00 horas. Percorrerá Ánimas, Españoleto, avenida de Vigo, praza de Sevilla, praza de España, Galiano, praza de Armas, Real, Terra e Cantón. A iniciativa conta con apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol. Ademais, o Apalpador estivo de visita estes días no CEIP de Pazos, CEIP A Laxe e Colexio Ludy.
Debate sobre el post