FERROL360 | Mércores 23 decembro 2015 | 18:32
Os concelleiros do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego de Narón, Pablo Villamar e Teresa Sabio, presentaron este mércores as dúas obras creadas en exclusiva para a organización polo deseñador gráfico ferrolán Juanlu.
É a segunda iniciativa que, no marco da campaña Queremos Narón, leva adiante o BNG para difundir o traballo e a obra dos artistas locais, así como o patrimonio, material e inmaterial, do municipio.
A primeira, que foi o ano pasado, tivo como protagonista a Leandro Lamas, que representou, co seu estilo particular e recoñecible, o muíño de Xuvia e máis o mosteiro do Couto.
No caso das obras de Juanlu –a súa obra pode consultarse na web, «Garabatos de Juanlu»-, o artista decidiu representar o muíño e mais a área recreativa de Pedroso, así como unhas cantareiras.
As láminas venderanse a un prezo de 10 euros a unidade e poden encargarse a través das páxinas de Facebook do BNG de Narón e Queremos Narón, así como no correo electrónico bng@naron.es ou no número de teléfono 696.915.907.