FERROL360 | Xoves 17 de outubro de 2024 | 7:00
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, considera que a proposta de modificación de ordenanzas fiscais, aprobada no día de hoxe polo goberno local, «é unha nova mostra da política reaccionaria dun alcalde que ao mesmo tempo que lle mantén os privilexios ao Ministerio de Defensa, a Autoridade Portuaria ou mesmo as concesionarias de servizos públicos nesta cidade non para de subirlle os tributos aos veciños e veciñas da cidade».
Para Iván Rivas a decisión adoptada hoxe na comisión de Facenda súmase á modificación de taxas do auga nun 48% para garantir os beneficios da parte privada da empresa EMAFESA e o anuncio feito por parte do PP de incrementar o canon de SOGAMA un 65% ao mesmo tempo que por parte do Alcalde da cidade se consinte que URBASER recade 800.000€ máis dos que factura SOGAMA polo canon «sen dar ningún tipo de explicacións na xestión dun servizo sen contrato.
Rivas censurou ademais «a indolencia dun goberno que, diante da situación que están a vivir veciños e veciñas cun incremento dos custes de enerxía, e unha suba de prezos constante, decide incrementar a presión fiscal sobre eles no canto de adaptar as ordenanzas fiscais a esta realidade social por medio de bonificacións aos colectivos máis desfavorecidos da cidade».
Do mesmo xeito, considerou que o Alcalde desta cidade debería deixar de mirar cara outro lado e esixirlle corresponsabilidade a outras administracións como o Ministerio de Defensa que non tributa un euro pola ocupación do 20% do solo urbano, ou mesmo a Autoridade Portuaria polas instalacións do peirao exterior. Asi mesmo, demandar a devolución dos máis de 800.000€ cobrados de máis polo canon de SOGAMA.
Debate sobre el post