FERROL360 | Mércores 11 setembro 2013 | 17:56
O ciclo musical Noites na Capela trae esta semana a un artista ourensán de longa traxectoria artística.
Comezou cantando na orquestra familiar Concorde Atenea que lle permitiu percorrer toda Galicia e posteriormente participar nalgún concurso. Da o salto á produción discográfica, cando no ano 2000 publica o seu primeiro disco que contou coa colaboración da cantante Uxía Senlle. Visitou o Instituto Cervantes de Leeds e de Manchester, onde tivo a oportunidade de actuar compartindo escenario con artistas como Pedro Guerra ou Ismael Serrano.
En 2004 e 2005 participou en diversos certames da canción de autor acadando o segundo e primeiro premio cantando en galego. En 2006 grava Vida Miña, o seu segundo traballo discográfico que supuxo un punto álxido na súa carreira musical. En 2010 sae á luz Interior, un disco no que colaboran artistas como Xosé Manuel Budiño ou Luis Tosar.
Todo o seu repertorio cultivado ao longo de máis de dez anos xunto con algunhas cancións de Destino Sur, -o vindeiro álbum de Emilio Rúa-, soarán este xoves ás 21:00 horas na capela do Centro Cultural Torrente Ballester. As entradas, que se poden adquirir no despacho do Teatro Jofre ou na páxina web do Concello de Ferrol, custan 4 euros.
Debate sobre el post