LUIS CALVO | ‘Pensando en alto’ | Domingo 29 setembro 2013 | 21:51
«Sexamos agradecidos coas persoas que nos fan felices…» (Marcel Proust)
Unha das cousas que pode satisfacer máis a unha persoa é poder realizar aquilo que o enche e sobre todo si o que fai serve para que outra xente goce do mesmo. Isto significa un valor engadido moi importante, “cartos” dirían aqueles outros que todo canto fan só ten un obxectivo; gañar e poder figurar.
Non hai moito tiven a sorte de traballar na elaboración dunha exposición de fotografía e dunha publicación sobre os cines nas comarcas de Ferrol que aínda segue a da-los seus froitos. Para levar adiante esa actividade foron moitas horas dedicadas a falar e compartir con xentes que invirtiron gran parte da súa vida á actividade do cine por medio dos seus traballos; ben de acomodador, de proxectista, taquilleira…
A maioría deles andaban nos sesenta ou setenta anos, e nunca, ou ninguén de que eu saiba, lles adicou unha homenaxe ou un tempo para recoñecer a súa aportación á sociedade durante moitos anos, sobre todo no apartado do ocio e lecer. Cantos bos momentos e soños coa maxia do cine fixeron pasar a moitas xeracións e cantos non tivemos os primeiros amoríos á sombra do seu traballo? Sombra e tamén escuridade. Mellor dito: pouca luz.
Nos últimos tempos, tiven a oportunidade de devolverlles algo dese agradecemento que lles debemos, levando ese traballo e fotos ás residencias de maiores que leva a empresa Geriatros na comarca. Aquel compartir, aquelas horas que me deron xenerosamente, contándome as súas experiencias e vivencias e mesmo regalándome imaxes e recordos que logo tratei de plasmar na publicación, están aí. Neste caso, para compartir con outros maiores, das súas “quintas”, esa memoria histórica que quedou sen recoller.
Esa satisfacción é impagable, ó ver como diante dunha foto antiga dun local, que foi baile e cinematógrafo, sirve para avivarlles esa memoria e, unha vez que arrancan a falar, -pois a moitos cústalles caro-, dan vía libre aos recordos e mestúranse historias persoais con historias de fuxidos e outras moitas daquela sociedade que me gustaría recoller antes de que se perda para sempre.
Quedo con esa pequena aportación nosa, a ese traballo que desenvolven animadoras sociais e psicólogos, traballadores que coidan con moito mimo a última etapa das vidas destes homes e mulleres que coas súas actividades nos deixaron uns valores que fai que ás veces, un, teña morriña deles.
Quixera rematar estas verbas, dirixidas agarimosamente a todos eles, mais neste intre, gustaríame personalizar na figura dunha persoa que poderíamos poñer coma exemplo dese recoñecemento e que a Asociación ConXeito, no seu Salón de Cine na pasada Feira de Mostras, quixo facer por medio dunha homenaxe.
A Antonio Hermida; polo traballo realizado durante toda a súa vida no Teatro Jofre.
