ARY LÓPEZ | Martes 3 setembro 2013 | 14:01
Dende que o pasado 31 de xullo colgaba no seu blog o cartel de pechado por vacacións, Aspanemi volve a retoma-las actividades, paralelas ao novo curso escolar. Deste xeito, as ofertas lúdico-deportivas abranguen dende obradoiros de pintura, escola de pais ou aquaterapia. Os obxectivos que persegue Aspanemi son axudar aos pais e nais a asumir a situación que se lles presenta ó saber que teñen un fillo con problemas e conseguir que os nenos sexan atendidos dende o mesmo momento en que se lles detecta a minusvalía, co fin de poder desenvolver ao máximo as súa capacidades e potencia-la súa integración social.Unha das traballadoras desta Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía, explicou a FERROL360 en que consisten as actividades que desenvolve a entidade.A aula de intervención e rehabilitación cognitiva, significa traballar con nenos potenciando as súas capacidades do coñecemento, especialmente en aqueles que teñen graves disfuncións cerebrais para que poidan desenvolverse como persoas autónomas. Fanse traballos que melloran a percepción, a memoria, probas de recoñecementos faciais, psicomotricidade… ademais, unha psicóloga ofrece un tratamento personalizado a cada un dos nenos.
A escola de pais e a atención familiar, son dúas actividades vinculadas que serven de orientación aos pais -unha das bases da asociación-. Consiste en facilitar axuda nos grupos de apoio, solucionando dúbidas, terapias individuais e grupais, con temáticas e inquedanzas que se expoñen semanalmente.
Para realizar a aquaterapia, Aspanemi conta coa colaboración de Cogami e a Deputación, visitando cada semana a Casa da Auga na Coruña. Alí organizan baños conxuntos entre nenos e pais con auga quente do mar aproveitando a función lúdica e terapéutica.

A hipoterapia, é un tratamento con cabalos no que se traballa a monta terapéutica para mellorar a motricidade e o equilibrio. O movemento tridimensional do cabalo facilítalle a mobilidade aos nenos con esta carencia. Dende Aspanemi, sinalan ademais, que aqueles rapaces que sofren autismo progresan moito a nivel emocional xa que se produce un vínculo importante co animal, o que o fai máis receptivo.
O obradoiro de pintura e respiro familiar, é, segundo Aspanemi, unha das ofertas máis sinxelas, pero moi importante para o colectivo, xa que conta con moi poucos recursos e ten que recorrer ao voluntariado que, apuntan, soe ser bastante. Serve para outorgar tempo libre ás familias os sábados polas tardes, mentres os nenos desenvolven a súa capacidade creativa a través da pintura.

A entidade colabora ademais coa Campaña de recollida de Tapóns para «Alba, a Promesa», facilitándolle así á familia desta nena que sofre unha lesión cerebral dexenerativa, a recolecta de fondos para facer fronte ó seu tratamento.
Xa está aberto o prazo para poder inscribirse nestes obradoiros. Sendo socio de Aspanemi, as actividades son gratuítas, e para os non socios, o prezo é ben simbólico, xa que o colectivo trata de buscar constantemente formas de financiación nas administracións.
Para a asociación non é doado desenvolver estes obradoiros ao longo do curso, porque segundo Aspanemi, son unha asociación «pequena, que con poucos recursos ofrece posibilidades moi amplas. Grazas, en parte, ao voluntariado e a colaboración con outras entidades». O seu traballo naceu dunha iniciativa de varios pais, que un día decidiron organizar actividades para os seus nenos con discapacidades. O resultado: unha boa maneira de facer máis sinxela a vida de moitas familias aproveitando que en colectividade todo resulta máis doado.
Debate sobre el post