FERROL 360 | Viernes 16 de mayo de 2025 | 16:50
A tradición oral galega chega este ano ás mans da veciñanza en forma de ilustracións con cantigas e poemas que se reparten estes días por Ferrol con motivo do Día das Letras Galegas. A proposta, impulsada polo CEIP San Xoán de Filgueira coa colaboración da Aula Hospitalaria do CHUF Arquitecto Marcide, busca poñer en valor as cantareiras e o legado que transmitiron a través da música popular.
O alumnado do centro educativo foi o encargado de recoller, ilustrar e gravar diversas cantigas e composicións da tradición oral galega, moitas delas procedentes da comarca de Ferrolterra. Esas creacións, impresas en formato postal, poden atoparse xa en establecementos do barrio que colaboran coa iniciativa, onde se entregan como agasallo con cada compra. Tamén están dispoñibles na cafetería do hospital e nos corredores da primeira e terceira planta do Arquitecto Marcide.
Cada ilustración leva un código QR que permite escoitar a cantiga ou poema correspondente, recitado ou cantado polo propio alumnado. A intención, segundo destacan desde a organización, é encher os fogares de música e poesía tradicional nunha data que este ano está dedicada precisamente ás mulleres que mantiveron viva esa herdanza cultural: as cantareiras.
Debate sobre el post