FERROL360 | Venres 16 agosto 2019 | 15:23
39 chanzos de escasos 70 centímetros de largo por uns 25 de alto, 10’40 metros de percorrido en espiral para salvar subindo ou baixando unha altura de 9 metros e 80 centímetros. Eses son os números que describen un dos tesouros arquitectónicos do Castelo de Moeche. Trátase da escaleira de caracol que comunica a estancia da xente de armas co paseo de rolda da parte superior da fortaleza.
Unha xoia da cantaría feita en granito que, porén, levaba pechada máis dunha década por razóns de seguridade. Agora, tras unha minuciosa limpeza da pedra e despois de aplicarlle un produto contra o verdín, o Concello decidiu volver reabrir as escaleiras aproveitando a cita do Festival Irmandiño, que comeza este venres.
O Concello xa tentara en 2015 volver abrir as escaleiras de caracol e, daquela, a Dirección Xeral de Patrimonio recomendara que para poder facelo con certas condicións de seguridade era necesario dotala dunha cúpula ou algún outro sistema de cobertura que impedise a entrada da chuvia. Un investimento custoso que, ademais, supuña ter que buscar unha solución que se integrase en todo o conxunto.
Ante a imposibilidade de realizar a actuación o proxecto quedou no tinteiro, pero recentemente o Goberno local retomou a idea e volveu consultalo con Patrimonio que, desta vez, sinalou que cunha limpeza manual dos chanzos e coa aplicación dun produto determinado contra os efectos da humidade na pedra sería máis que dabondo para evitar os esvaramentos accidentais.
Os consellos técnicos puxéronse en práctica hai escasos días. Un a un e empregando un cepillo especial foron repasándose todos os pasos co obxectivo de eliminar as partículas e restos orgánicos onde prolifera o verdín. Posteriormente aplicouse un líquido especial prescrito por Patrimonio que combina as características de ser biolóxico, de non atacar a pedra e de retardar a aparición das algas, mofos e liques.
Así, e aproveitando o tirón do Festival Irmandiño, a escada helicoidal volverá abrir ao público. Iso si, por razóns de seguridade desde o Concello farase a recomendación de que só se utilice para subir.
Debate sobre el post