FERROL360 | Luns 20 outubro 2014 | 13:45
O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, e o presidente do Círculo Cultural, Recreativo e Deportivo do Puntal, Eladio Romero, asinaron un convenio de colaboración polo que o Concello cederá á entidade o uso da Casilla de Legoeiros do Puntal.
O convenio ten unha vixencia de cinco anos e busca promocionar e favorecer o movemento asociativo con fins culturais, sociais e deportivos a favor da veciñanza. Así, o uso por parte do Círculo tampouco exclúe as actividades que outras entidades estivesen interesadas en programar nestas instalacións municipais.
Neste caso, os promotores das citadas iniciativas deberán comunicarllo previamente ao Círculo. E, sempre que o Concello precise utilizalas para accións de interese municipal –actos electorais, cursos, reunións…- terá preferencia absoluta no seu uso coa comunicación previa ao Círculo.
Pola súa banda, a entidade encargaráse de abonar os custes proporcionais de luz e auga e a responsabilidade do coidado, así como dos danos que puidesen derivarse do seu uso.