FERROL360 | Mércores 11 novembro 2015 | 17:00
O departamento de VIH do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol é finalista do X premio nacional Best in Class 2015. Un galardón, que ten como obxectivo recoñecer publicamente o mellor centro de saúde, centro hospitalario, Servizo ou Unidade que procura a excelencia na atención que presta ós seus pacientes.
A concesión dos diferentes premios baséase na puntuación obtida polos candidatos a través do Índice de Calidade Asistencial ó Paciente (ICAP), que se establece a través dunha análise multivariable dos resultados obtidos nuns cuestionarios.
Estes cuestionarios afondan nos protocolos de atención ó paciente nas diferentes áreas, a partir dos que se outorga unha puntuación. Mídense aspectos cualitativos e cuantitativos relacionados coa calidade, como por exemplo, se se avalía a satisfacción do paciente; se existen reclamacións, ou se existen protocolos ou autoavaliacións de calidade, entre outros.
Inclúense igualmente ítems relacionados coa organización do traballo, os servizos, o mapa de procesos, a existencia de guías ou protocolos actualizados; os horarios estables; ou as vías de comunicación e de información co paciente.
As cuestións relacionadas coa asistencia téñense tamén en conta nestes cuestionarios, a atención especializada e personalizada; o horario de Farmacia; o control dos antirretrovirais demoras, estadía media, número de pacientes, taxa de mortalidade, ou consecución de obxectivos específicos eran algúns deles.
No que se refire á investigación, incluíanse tamén proxectos en marcha, protocolos, número de relatorios e intervencións en congresos, xornadas ou encontros científicos, ou a formación.
Atención integral adaptada ó perfil do paciente
O departamento de VIH ten un funcionamento autónomo, con áreas de hospitalización, consultas externa, e hospital de día dedicadas especificamente á infección por VIH/Sida. Destacan dende este departamento que «a atención é integral, adaptada ó perfil clínico actual dos pacientes, co-infección ou co-morbilidade».
Proporciónase «continuidade no seguimento nas distintas áreas da Unidade; e, ademais, durante a hospitalización por outras causas noutras áreas do hospital». Mencionan como os seus puntos diferenciais tanto a accesibilidade, a través do teléfono ou do buscapersoas, como a dispoñibilidade para consultas a demanda para avaliación de procesos puntuais.
Dispón de atención especializada cun farmacéutico dedicado á adherencia ó tratamento, polifarmacia, interaccións, e individualización dos tratamentos. Engaden que «hai accesibilidade tamén e colaboración multidisciplinar entre a Unidade, os recursos do hospital; os centros de de saúde e os centros de drogodependencias».
Por último, dicir igualmente que este departamento participa en proxectos de investigación; segue un plan de formación continuada; e participa na formación relacionada coa VIH/Sida de profesionais de diferentes perfís.
«O traballo é en equipo, con toma de decisións consensuada; e optimización de recursos», subliña Ana Mariño Callejo, especialista en Medicina Interna. Este departamento foi finalista na totalidade das tres veces que se presentou, e gañador nunha delas, no ano 2010.
Debate sobre el post