FERROL360 | Mércores 30 decembro 2020 | 10:05
O Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte conta cun total de 38 entidades socias, repartidas por sectores: o 16,67 % pertence ó sector pesqueiro, o 27,78 % ao sector público, o 47,22 % ó sector social e o 8,33 % restante ó sector económico.
Forman parte do GALP Golfo Ártabro Norte dez concellos do territorio (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño e Paderne), seis confrarías de pescadores (Miño, Pontedeume, Barallobre, Ares, Mugardos e Ferrol) e clubes deportivos e asociacións relacionadas co sector pesqueiro e marítimo.
En total, o GALP xestiona un programa de axudas próximo ós cinco millóns de euros e a última convocatoria para solicitar estas subvencións continúa aberta ata o vindeiro 1 de marzo de 2021. Existen dous tipos de axudas: para proxectos non produtivos, estes son os que non supoñen unha actividade económica ou son de interese público, nos que a porcentaxe de subvención pode chegar ata o 100 %, e produtivos, relacionados coas actividades económicas que producen bens ou servizos e supoñan a creación de emprego. Neste caso establécese unha axuda que pode chegar ó 50 % e, nalgúns casos, ata o 80 %.
Os beneficiarios poden ser persoas físicas e xurídicas, confrarías de pescadores, asociacións do sector pesqueiro e as súas federacións, asociacións sen ánimo de lucro e entidades públicas locais. O procedemento para solicitalas pode consultarse nesta ligazón ou nesta outra.
Ata o de agora, se teñen subvencionado máis de 80 proxectos, algúns relacionados co deporte e co turismo marítimo. O Club Náutico de Ares, o Club Cabanas KDM e Club Deportivo Náutico de Miño acolléronse ás subvencións do GALP para levar a cabo proxectos moi interesantes. Para coñecelos e detalle preguntamos aos protagonistas: Ignacio Palmero, que é coordinador do Club Náutico de Ares e vogal do GALP, Jorge Carro, do Club Cabanas KDM e Teresa Oujo do Club Deportivo Náutico de Miño. Todos eles tamén forman parte da directiva do GALP Golfo Ártabro Norte.

FERROL360 – Como representantes de entidades deportivas, que axudas teñen recibido do GALP nesta convocatoria 2014-2020?
IGNACIO PALMERO – No caso do Club Náutico Ría de Ares recibimos unha axuda para instalar unha rampla para a escola de vela e outra para acondicionar os vestiarios e as oficinas da escola. A primeira foi unha axuda non produtiva e recibimos o 90 % do custe do proxecto, e a outra foi produtiva, cunha subvención do 50 %. Estas subvencións supuxeron a mellora das instalacións e da seguridade do acceso ó mar, tamén nos permite ter máis nenos e máis actividades, e os vestuarios son máis cómodos e teñen mellor acceso. As oficinas son máis amplas, xa que fixemos un aula para actividades náuticas e aumentamos a oferta de actividades.
JORGE CARRO – O Club Cabanas KDM recibiu dúas subvencións neste programa: adquirimos dous surf skies, son bases de kaiak de mar da Federación Galega de Piragüismo, para crear un Surf sky center no Club. Coa adquisición deste material conseguimos aumentar a nosa oferta e facilitar ós nenos de Cabanas e, a practicantes de piragüismo en xeral, unha modalidade que está en auxe dentro do piragüismo español. Ó mesmo tempo, podemos ofrecer ese material a turistas náuticos . Por outro lado, adquirimos unha embarcación pneumática de apoio para persoas con mobilidade reducida nas rutas de kaiak e surf sky. No primeiro recibimos unha subvención do 100 % e no segundo foi o 90 %.
TERESA OUJO – Desde o Club Deportivo Náutico de Miño recibimos unha subvención para a compra de remolques e piraguas para facer campamentos de verán e fomentar a cultura mariñeira, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Miño, para achegar o marisqueo ós nenos. E este ano optamos a unha actuación medio ambiental de protección das Marismas do Baxoi e Lambre en colaboración co Concello de Miño, para mitigar as especies invasoras desta zona, en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC). No noso caso, as subvencións foron do 100 % e do 80 %.

360 – Como resultou a experiencia á hora de solicitar estas subvencións?
IP – O tema da documentación administrativa pode resultar algo complexo, pero o persoal do GALP está sempre dispoñible para colaborar e que o proceso sexa máis sinxelo. E realmente merece a pena. A experiencia é sen dúbida positiva.
JC – O persoal do GALP facilita moito as cousas, xa que os trámites poden resultar ás veces longos ou algo complicados.
TO – Concordo cos meus compañeiros, o GALP axuda en todo momento e marca as pautas a seguir, xa que ás veces pode resultar algo complicado manexar os impresos.
360 – Estas axudas contribúen a xerar emprego e riqueza no entorno?
IP – No noso caso, a escola de vela mellorou moito os resultados nos últimos dous anos, consolidouse o posto de traballo da monitora e nos últimos dous anos aumentamos as actividades grazas á nova infraestrutura. Actualmente temos 30 nenos durante as fines de semana do inverno e no verán máis de 400.
JC – Estes proxectos foron totalmente positivos, e vou por un exemplo concreto: o Campo do Oito de Cabanas. Antes estaba degradado e agora ten actividade todo o ano. Incluso no verán, coas rutas en kaiaks e surf sky multiplícase por dez, xa que movemos centenares de usuarios e ademais consolidamos un posto de traballo a xornada completa. Conseguimos dinamizar o medio mariño, en colaboración co Concello de Cabanas, e grazas ás achegas do GALP Golfo Ártabro Norte.
TO – Cando comecei na directiva do Club Deportivo Náutico de Miño tíñamos escasamente 70 deportistas e levamos dous anos seguidos pechando con 170 deportistas federados. Pasamos de ter só un adestrador a xornada completa so no verán, a ter tres ou catro no verán.

360 Que mensaxe trasladades ós emprendedores que teñan unha idea de negocio?
IP – Eu os animaría a presentar o proxecto, xa que se pode conseguir. Que o intenten porque as subvencións están aí e non é difícil conseguilas. O traballo tampouco é tanto e ademais dende o GALP axudan a acceder a elas. É unha boa forma de financiar un proxecto de turismo náutico ou temas de pesca en xeral.
JC – Se teñen unha boa idea, o GALP é un apoio asumible, fácil e real. Que dean o paso e a presenten, porque realmente merece a pena. E ademais hai fondos dispoñibles para proxectos produtivos.
TO – A veces tes ideas pero non sabes moi ben como materializalas. Pois nese caso, o máis acertado é acudir ó GALP xa que eles poden axudar a promovelas para convertelas nun proxecto real.